Fornelos: memoria da tribo

 A traxectoria literaria de Xerardo Quintiá deixa tras de si un ronsel de interesantes títulos tanto narrativos coma poéticos. Mesmo se ten atrevido coa escrita infantoxuvenil e, ocasionalmente, o libro de viaxes, polo que non pode dicirse que os tres lustros últimos non teña dado ao luz acabadas mostras da súa versatilidade e oficio.

Fornelos & Fornelos é o seu terceiro libro de poemas e foi distinguido co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, nunha convocatoria, cómpre dicilo, na que formaron parte do xurado outr@s tres excelentes poetas como son Chus Pato, Baldo Ramos e Xiana Arias, quen tiveron a compaña de María Casar (presidenta da Asociación Cultural Ergueitos) e mais Xermán Arias (concelleiro de Cultura do Concello de Sarria).

Divido en catro seccións, o poemario figura integramente centrado na revisitación anímica, rememorativa e mesmo conceptual do lugar natal de Fornelos, no concello lugués de Friol, tal como anuncia o propio título.

A visión que deste universo matriz se nos dá é a dun mundo que fulgura dende a súa propia ruína, un territorio no que lampexa o espírito de anónimos heroes, xentes do común que fixeron das súas comúns andainas epifanías reveladoras na formación e no ser adulto do poeta que os evoca, que os convoca no canto eternizándoos na verba, facéndoos depositarios dunha tradición herdada da que el se sente un dos últimos elos, talvez o derradeiro, nun mundo que esfarela irremediablemente, do que só podemos intuír o cascallo do que foi, pero que ha seguir sendo sempre nutricia esencia do que o cantor é.

Impregandos de forte telurismo, estes poemas do paraíso da infancia, evocadores e melancólicos, emparentan ou homenaxean voces varias tanto da nosa tradición como doutras foráneas e así desfilan por estes versos Cunqueiro, Celso Emilio, Akhmátova, Torga, Whitman, a propia Chus Pato…

Poesía do que se perdeu pero ha de ir sempre cun, poesía do que fomos e nos fixo sermos, poesía fundante, das raiceiras, memoria da tribo.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.