Continuando coa súa xa longa e valiosa andaina, a colección Clásicos Galegos de Sotelo Blanco Edicións acolle a publicación de Majina, ou a filla espúrea, a novela fundacional da prosa galega do XIX debida ao estradense de Vilancosta Marcial Valladares.
Como é adoito na colección, recupérase a obra a través dunha edición crítica, que presenta un texto fixado por un especialista a partir do rigoroso cotexo das fontes documentais existentes (para o caso, o manuscrito autógrafo da novela e mais a edición en folletín que tirou La Ilustración Gallega y Asturiana entre xullo e decembro de 1880). Nesta ocasión, o responsable de tal labor foi o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado, o mellor coñecedor da obra de Valladares, a quen dedicou a súa tese de doutoramento, a biografía canónica do escritor e numerosos ensaios en volumes colectivos e revistas.
Impecable e nada espuria esta edición, que conta, amais, cun valioso estudo introdutorio de Fernández Salgado no que se sintetizan os principais aspectos definitorios da narración, outra razón máis que converte este libro nunha obra de referencia.
[Publicado no xornal Faro de Vigo, 23-2-2012]











