Novoneyra do Courel

A vida e obra do inmenso poeta que Uxío Novoneyra foi tivo glosadores de altura que non desmereceron da súa memorable escrita. Velaí, poño por caso, as decisivas achegas que nestes últimos anos asinaron estudosos como Xosé Lois García, Carmen Blanco, Antón Lopo, Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, por citar só algúns dos máis significados. Mais sempre é posible revisitar a súa figura á luz de novos ancos que desvelen aspectos ou circunstancias vitais e autoriais que ficaran ocultas, arrombadas ou simplemente sen consideración.

Pois ben, entre os máis recentes traballos sobre o xenuíno universo creativo do courelao quero salientar aquí o excelente O escano baleiro, da autoría do tamén poeta —e narrador e crítico— Xulio L. Valcárcel, que dá ao prelo Biblos Clube de Lectores na súa xa ben asentada colección Mandaio.

O que Valcárcel ofrece nesta monografía é un moi completo retrato do mundo que habitou Novoneyra e das súas vivencias como escritor nese espazo, por ese espazo e dende ese espazo. A ollada de Valcárcel é aquí poliédrica e igual esculca no antropolóxico que no analítico literario, o mesmo no biográfico que no histórico, tanto no patrimonial e arquitectónico coma no espiritual ou testemuñal.

O resultado é un volume suxestivo e vizoso, no que aprender mil e un pormenores sobre a escrita do do Courel e as xentes e lugares que a nutriron: os soutos e devesas montesíos, as mallas e xogos da infancia, as amizades con outros autores de noso e as súas estancias en diversos lugares (Lugo, Compostela, Madrid…), as súas fortes conviccións sobre a cuestión lingüística, a versatilidade da súa produción tanto xenérica coma tematicamente e moitos outros extremos que Valcárcel expón cunha prosa diáfana que, malia a profusión de fontes bibliográficas e textuais manexadas, en ningún momento resulta acoradora, todo o contrario, discorre velaíña e amena adornándose de salferidos poéticos que lle engaden indubidable prestancia.

O escano baleiro de Xulio L. Valcárcel non só é un documento de primeira orde para mellor coñecer o “ámeto” novoneyrano, é un excelente ensaio escrito coa delicada pulcritude que só outro gran poeta pode lograr.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 1-3-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Novoneyra do Courel

  1. El lunes leemos sus poemas en la “Biblioteca” de Ferrol Un saludo.

Os comentarios están pechados.