O amor pola palabra de Xosé Manuel Lema Mouzo

Chega ás miñas mans Cartafol de néboas, volume de versos asinado polo xornalista e locutor camariñán Xosé Manuel Lema Mouzo.

Non é esta a primeira ocasión en que o autor dá a coñecer as súas poesías, pois xa publicara hai uns anos o poemario Os dentes da noite e varios dos textos inseridos neste novo libro figuraban xa no interesante blog homónimo que o escritor mantén dende hai tempo no enderezo www.cartafoldeneboas.blogspot.com

Publicado baixo o selo de Anosacosta Edicións (periódico dixital para o que o propio Lema Mouzo traballa), esta obra reúne medio cento de composicións ás que pon soarego o poeta, ensaísta e narrador Xulio L. Valcárcel, quen sobrevoa sutilmente a poética que encerran estes versos.

Entre os asuntos que ocupan a voz lírica destas páxinas non é menor a presenza elexíaca e evocadora de seres queridos e familiares xa idos; a lembranza dos tempos da infancia e primeira mocidade; o amor pola palabra e o propio exercicio poético; a denuncia da corrupción e inutilidade da clase gobernante e dos seus adláteres adaís do capitalismo feroz; a memoria heroica dos nosos emigrantes a Cuba ou Suíza; a exaltación da paisaxe natal da Costa da Morte e da súa paisanaxe (igual a histórica que representa Beatriz Fernández que a recente de Man de Camelle); o clamor solidario cos máis desfavorecidos e marxinados da nosa sociedade; o universo musical (sexa o tangueiro ou o rockandrolleador, tanto ten); o recordo admirado dos represaliados; o mundo radiofónico e, por suposto, o amor, sempre o amor, neste caso con destinataria expresa: a súa compañeira Maribel Barreiro Paredes.

A escrita de Lema Mouzo inscríbese nunha ben coñecida tradición, seguidor fiel dos ditados do romanticismo clásico e tamén do verso nerudiano, mais deixándose tramar noutras composicións polos ecos celsoemilianos e pondaliáns, que resoan moi evidentemente nalgúns títulos e pasaxes.

Cartafol de néboas é todo un exercicio de vontade emocional, un testemuño de admiración ao exercicio da poesía, que ten en Xosé Manuel Lema Mouzo un seguro amador.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.