Ducia e media de voces

Vai para dous anos que botaba a andar o grupo de acción poética Penúltimo Acto, unha plataforma artística e cultural galega aberta á irmandade lusófona, que ten como bandeira o evento Círculo Poético Aberto e celebra cada segundo sábado de mes no vigués Negra Sombra do Café Uf unha xuntanza literaria (e non só) na que ducias de seareiros se dan cita para compartir lecturas, faladoiros, actuacións musicais e outras comunicacións.

Pois ben, xa tomou corpo impreso a primeira das xeiras colectivas deste grupo, quen no volume 18 reúne as creacións poéticas e narrativas doutros tantos participantes nas xuntanzas do Círculo Poético Aberto.

En 18, tal como explican no breve limiar as irmás Cruz e Rosa Martínez Vilas (rosanegra), cofundadoras de Penúltimo Acto e unhas das principais promotoras de todas estas iniciativas, “Agromou un sentimento de unificación, un devezo de adhesión para formar unha memoria física na que confluír todos os ríos nun mar de pensamentos. E de mares, pois cada mar é unha persoa que crea un océano. Estas follas son vidas e desexos nas 18 voces presentes nas moléculas deste papel”.

Despois, xaora, o que o libro aglutina son materiais literarios ben diversos, tanto polo vehículo lingüístico empregado (o galego de norma oficial na maioría dos casos, mais tamén o portugués e aínda variantes galegas lusófilas noutros casos) coma polas temáticas e estilísticas despregadas en cada caso.

Xa que logo, nada teñen que ver os textos amatorios de ancoraxe cósmica ou existencial de Iolanda Aldrei coa lírica plástica de Iria Bragado; os versos lúgubres e irreverentes de Simón Cabo Escribano e a escrita dorida e vagamente sideral de José Alberte Corral; os poemas simbólicos e un punto profético-apocalípticos de Henrique Doria cos de evocación da infancia, a paisaxe natal e o mundo agrario lembrado de Dara Escribano Lorenzo; as poesías cetáceas de iluminada revelación do humano, cunha forza abisal nos sentimentos e a sombra toda dos días que foron que amosa Francisco Fernández Naval cos versos góticos inzados de maldicións témeras e loitas agónicas de Alexandre Insua Moreira; os poemas reivindicativos que reclaman atención para os nosos autores esquecidos e esixen unha outra Terra de Henrique Leirachá Gutiérrez e os versos rítmicos, volcánicos e de recendos surreais de Virgílio Liquito; a fértil mestura do cotián e o cultista co engado do diálogo icónico-textual que encerra a aposta de Cruz Martínez Vilas e o discurso entre líquido e desértico e sempre de amatoria sensosutil de Fernando Martinho Guimarães; as poesías románticas e levemente modernistas de Jaime Moreda Santamaría e os textos soñadores, namorados e sensibles ante as desgrazas alleas de Fernando Luis Pérez Poza; as composicións contra os abusos da sociedade capitalista e a indolencia social de Fernando Rodríguez Carpizo e as epímones acuosas e vitais sumadas ás reflexións sobre os naufraxios da propia voz lírica que asina Alfonso Rodríguez Rodríguez; en fin, os versos en homenaxe (a Cabanillas, a Diego de Giráldez), de evocación patriótica ou amorosos con resóns nerudianos e mais os versos sobreimpresos en fotogramas de Rosa Martínez Vilas ‘rosanegra’ e o relato de fantástico motorizado e final sorprendente de José Manuel Barbosa Álvares.

Dezaoito poderosas razóns, por tanto, para facerse con este 18 e deixarse engadar polas moi variadas propostas que as autoras e autores do Círculo Poético Aberto nos ofrecen neste volume, unha boa mostra de como a comuñón na palabra vence calquera obstáculo e amplifica as posibilidades de facer oír as voces.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 14-3-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua portuguesa, Narrativa galega actual, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.