Deriva proxectiva

[O frío das palabras. Foto Marcos Candia]

Unha das queixas que poden oírse adoito sobre as limitacións na proxección da nosa literatura ten que ver coa mellorable presenza desta noutros sistemas literarios. “Non se nos traduce suficientemente” —din os creadores—; “Cústanos ferro e fariña ‘colocar’ libros fóra” —confesan os editores—, “Descoñécese por aí adiante o que aquí se fai” —opinan os estudosos e divulgadores das nosas letras.

E agora a pregunta do millón: a razón de todas esas dificultades, ¿ten que ver coa falta de calidade dos nosos produtos literarios? ¿A nosa ‘mercancía’ non é logo high quality? A resposta é ben doada: temos unha literatura equiparable ás da nosa contorna, mesmo nalgúns aspectos concretos (escrita infantoxuvenil ou poesía, poño por caso) superior á media.

Daquela, ¿onde está o problema? En dúas palabras: na lingua soporte. E no peso específico que no concerto internacional ten o pobo que nesa lingua se manifesta.

Pois ben, a todos estes obstáculos hai que sumar outro que habitualmente se esquece e que é, ao meu ver, decisivo na resolución deste problema: son contados os profesionais competentes capaces de trasladar textos literarios galegos a outros idiomas. É certo que hoxe en día existe xa un número nutrido de tradutores que verten con brillantez obras doutras latitudes á nosa lingua, pero: ¿cantos tradutores valiosos son quen de verter textos de noso ao finés, ao xaponés, ao sueco etc.? Máis aínda: ¿pasan dunha (media) ducia os que dan versións de calidade ao inglés ou francés, ao alemán ou italiano?

Velaquí unha eiva importante na mediación intersistémica. Mentres esta situación non mellore tampouco o fará a presenza das nosas letras polo planeta adiante. Por iso é tan importante mimar os bos tradutores dende o galego a outras linguas: na súa man embaixadora está boa parte da nosa visibilidade e proxección.

Esta entrada foi publicada en Derivas, Literatura galega e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Deriva proxectiva

  1. Son esas traducións rendibles para os tradutores? Chegarán a espertar os textos de noso o interese de lectores foráneos? Quero dicir, a literatura galega trata temas universais ou fica reducida ao que interesa exclusivamente dentro das nosas fronteiras?

  2. Inma Otero di:

    Armando, estou totalmente de acordo, pero engadiría unha reflexión: hai mercado para máis tradutores? Pola miña experiencia persoal, penso que en Italia si habería algunha xente capacitada para traducir ao galego, á parte dos habituais (pouca, iso si). Pero polas dificultades que atopan para exercitarse máis, para colocar as súas traducións, ou mesmo, para estar permanentemente actualizados cos textos que se van publicando en Galicia, desisten e pásanse a outras linguas máis rendibles. Non teño tan claro que sexa só un problema de formación.

    • Amigo Roberto: este tipo de traducións son, en principio, tan rendibles para os tradutores coma calquera outra clase de tradución. O caso é que se xestione editorialmente ben a súa publicación, tema no que teñen moita responsabilidade os nosos editores, que deben aprender a perfeccionar os seus contactos e saber vender mellor a ‘mercadoría’. Logo, o interese polo que as nosas e os nosos autores poidan contar é exactamente o mesmo que o que podemos nós ter por un tipo que relata as súas paranoias en Nova York ou as súas carreiras por Tokio adiante, porque, en literatura, todo é potencialmente universal, aínda que naza da raiceira. Sei que, como autor, me entendes ben. Aperta grande, Roberto.

      Amiga Inma: como lle acabo de escribir a Roberto, o mercado de tradutores medrará se a plataforma editorial de noso fai como debe os deberes; mais coido que tamén é labor das e dos tradutores animar o panorama publicista propoñendo posibilidades aos editores foráneos. Presentar proxectos atractivos por veces acaba por propiciar colaboracións moi frutíferas. Como estás profesionalmente vinculada á cuestión, ninguén mellor ca ti para saberes que a oferta depende da demanda, pero que tamén unha demanda ‘interesante’ e abondosa estimula a demanda. Un bico, Inma.

Os comentarios están pechados.