Deriva romeira

[Foto Marcos Candia]

Pois xa está aquí, un ano máis, o mesmísimo Día das Letras Galegas, a máis aplaudida das festividades culturais patrias. Hoxe o país de noso ha gozar dunha certa normalidade, é dicir, da anormal normalidade que constitúe a excepción: prensa con máis presenza do galego que a raquítica habitual, radiotelevisión informando de cuestións literarias, escaparates de librerías con obra das nosas autoras e autores e, xaora, un lugar central e absolutamente protagónico para don Valentín Paz Andrade, santo maior da romaría deste ano, ao que sacamos en laica procesión.

Mais non quero deixar pasar a ocasión para reflexionar sobre a data en relación á escolla homenaxeadora da RAG e o seu ‘impacto’ social. Velaí unha batería de preguntas que abro á vosa consideración. Talvez entre todos sexamos capaces de ver con máis claridade, pois, como diría miña nai, eu teño unhas ‘ocupacións’ nos ollos que non me deixan acabar de estar satisfeito co que endergo derredor. Velaí van, metralladas: ¿o seguimento (editorial, institucional, dos medios…) da figura homenaxeada este ano é comparable ao doutros anos, poñamos por caso, ao do ano pasado con Pereiro?; ¿por que houbo tantísimos centros de ensino onde no canto de traballar coa obra de Paz Andrade se celebrou a efeméride servíndose de textos de Rosalía, Cunqueiro etc.?; pasado o día de hoxe, ¿imos oír volver falar de Paz Andrade ou o resto do ano andaremos todos unicamente ‘deitados fronte ao mar’ (do celanovés, xaora)?; ¿ten sentido que o groso da obra de ficción do homenaxeado teña que esperar a verse distribuída cando xa ten pasado a data referencial para a homenaxe (refírome á edición da súa Poesía completa nun volume de case oitocentas páxinas, do que aínda chegaron á editorial o venres pasado, seica, os primeiros exemplares?; ¿os nosos escolares e o profesorado que traballa con eles —non nos esquezamos: os principais consumidores deste tipo de bibliografía— van poder tirar proveito dunha publicación coma esta agora, cando aínda tardará seguramente algunhas semanas en desembarcar nos centros?

E aínda máis: ¿produciuse en verdade unha proxección permeadora da nosa cultura nos eidos que lle eran propios á figura homenaxeada, escollida pola RAG, precisamente, como modelo que pretendía presentarse para a muda dos nichos castelanizadores existentes neses espazos (refírome ao mundo da grande empresa, da xurisprudencia etc.)?

En definitiva, ¿escolleuse ben a semente?, ¿sementouse a xeito?, ¿o froito recollido é acorde ao esforzo invertido?

E a min que me dá que pasado o Día pasada a romaría…

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Derivas, Literatura galega and tagged . Bookmark the permalink.

4 Respostas a Deriva romeira

  1. manuel rodríguez alonso di:

    De novo parabéns por estas preguntas. Gústame sobre todo a última, pois o galego nos eidos que citas segue a ser minoritario e a estar minorizado, mesmo o usuario de galego pasa a ser sospeitoso de non sei cantas cousas. Por outra banda, iso de que en Galicia xa só existe o escritor galego e non bilingüe, tal e como declara hoxe Ferrín, precisamente en El País non se sostén, pois Rivas, De Toro ou Domingo Villar son tan escritores en galego coma en castelán, especialmente polas traducións e autotraducións ao castelán, de tal xeito que a última historia da literatura castelá coordinada por Mainer ata inclúe a súa obra traducida, nalgún caso por eles mesmos ou relevantes filólogos galegos, dentro da literatura castelá.

  2. Charo Portela Yáñez di:

    Armando,

    Tes razón. Aínda que penso que hai que esperar polo menos a que remate maio, si que haberá que reflexionar sobre as cuestións que tan atinadamente plantexas e ver que queda do esforzo invertido que, pola miña parte, non foi pouco. De momento, aínda estamos na «tarefa».

    Un cordial saúdo,

    Charo Portela Yáñez

  3. roberto a. rodrigues di:

    Penso que todas esas preguntas poden resumirse nunha soa resposta. A proximidade xeneracional do homenaxeado do ano pasado, a súa traxedia… fixo que acadase moita máis atención que a festividade deste ano e en base ao éxito anterior estamos a facer a comparativa. Pero o habitual é, por desgraza, o paso morno da data con breves e efémeras referencias á vida e obra do homenaxeado. ¿Quen se lembra, por exemplo, de cal foi o autor homenaxeado no 2008? Á parte do laxo esforzo que se fixo en ter pronta a obra…

    • Moncho di:

      Penso que o ano pasado foi diferente, non tanto por Pereiro ser un autor próximo no tempo, senón pola súa proximidade coa xente, coa vida mesma, coa xuventude de drogas e demais dos anos oitenta. Esa imaxe un tanto punki axudou a atraer lectores; como fan @s poet@s da hostia, que reivindican o pracer da poesía cunha cunca ou un vaso de tubo na man. Con Pereiro, a poesía deixou de vivir nunha torre de almafí que saía un pouco en procesión cada 17 de maio e, claro, só os devotos seguían os pasos. Penso que calquera autor ou autora debe ter o seu lugar nesta data e a quen lle toque debe ter unha promoción que, por desgraza non se lle dá. Coñecer a obra de Paz Andrade cando o alumnado está de vacacións de verán é algo tardío. Se con tempo se sabe o nome da persoa galardoada co día das letras, debe traballarse dende setembro nesa figura un chisco; non é necesario esperar por tomos grandes a que saian do prelo. Dende logo, penso que pasado o día pasou a romaría; pero hai outras festas e nun pobo coma o noso, tan dado a elas, hai rosquillas para dar e repartir o resto do ano. O 17 debería ser un día como o San Xurxo en Cataluña; para sacar á rúa a literatura e chegue a onde non chega de cotío. Cada ano terá un nome central, pero o motivo primordial son as letras en si, e o que hai que facer é coidar delas e levalas da man.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>