A romaría de Cunqueiro

A vida e obra do xenial escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro segue a ser actualidade logo de que, no pasado ano, celebraramos o centenario do seu nacemento.

Desta volta é o investigador Xosé Antonio López Silva quen nos sorprende coa recuperación dun nutrido feixe de artigos periodísticos en castelán nos que Cunqueiro recala nos eidos do relixioso e mesmo do haxiográfico.

A compilación destes traballos leva o descritivo título de De santos y milagros e foi publicada pola Fundación Banco Santander na súa colección Obra Fundamental, que xa acollera obra doutros significados autores de todo o Estado.

O volume de López Silva amósase como unha moi interesante selecta, por canto pon por xunto pezas xornalísticas que permanecían arrombadas no faiado do esquecemento para todos, mesmo para os especialistas. É o caso da ducia de haxiografías e os sete relatos de tema relixioso que publicou Cunqueiro na revista Catolicismo entre os meses de xullo de 1945 e novembro de 1946, valiosos non só polo seu relevo literario, senón porque, amais, serven para demostrar que o mindoniense, lonxe do que durante tempo se pensou, non deixou a escrita de colaboración periodística naqueles anos, toda vez que lle fora retirado o carné de xornalista pola Delegación Nacional de Prensa o 24 de xuño de 1944.

Ademais destes textos de Catolicismo, López Silva reúne baixo o criterio temático do relixioso e/ou haxiográfico moitos outras breves colaboracións de Cunqueiro, sobre todo recollidas do Faro de Vigo, onde apareceron ao longo dos anos sesenta e setenta ducias destes escritos, principalmente na serie ‘El envés’ —que logo, como é ben sabido, sería peneirada polo de Mondoñedo para un seu libro homónimo de 1969—, mais tamén noutras de menor duración como ‘Imaginaciones del Camino’, ‘A vuelta de hoja’ ou ‘Correo sin fecha’, asinados todos co seu nome, agás un número pequeno deles que apareceron baixo o pseudónimo de Manuel María Seoane ou Álvaro Labrada.

Alén dos artigos de Catolicismo e Faro de Vigo, esta antoloxía de López Silva incorpora outros publicados antes, durante ou xusto despois da guerra civil española en cabeceiras como Era Azul, La Voz de España, ABC ou Misión, aos que aínda habería que sumar uns poucos máis recollidos nos anos setenta de La Vanguardia Española e El Noticiero Universal.

O resultado son case cento e medio de extraordinarias creacións cunqueirianas nas que, como se un asistise a unha ucrónica romaría, descubrimos o pulo misioneiro de Frei Rosendo Salvado no país de Kangarooland, admiramos a inspiración alfabético-divina de San Metodio e San Cirilo, marabillámonos das milagreiras capacidades de San Patricio e das súas falas con toda canta flora e fauna a el se achegaba, sabemos do destino último da Saba Santa ou o sagrado cáliz, entendemos a mixtificación de Santa Úrsula e Once Mil Virxes, coñecemos cales son os santos todos dacabalo e, xaora, regresamos aos moitos artigos que o mindoniense dedicou a santidades para el predilectas nas súas festividades, como as de San Lucas, San Froilán, Santiago Apóstolo ou San Xurxo, entre outras.

De santos y milagros conta con dous ensaios introdutorios. Un deles (“La melancolía de la ficción”) débese a César Antonio Molina, quen propón unha revisión do global da obra do mindoniense interpretándoa á luz dun filtro melancólico, procurando asimilar a complexidade do seu universo creativo dende a óptica da rememoración saudosa e da comprensión do fenómeno humano a través dese ollar desposuído, de desigual loita entre o real e o fantástico, que en Cunqueiro habitaba.

O outro traballo introdutorio, “Álvaro Cunqueiro, su obra vital y literaria”, é un longo repaso aos principais socalcos biobibliográficos do autor de Merlín e familia. Nel, López Silva tenta explicar a actitude autorial do de Mondoñedo en cada momento da súa vida, contextualizala para que mellor se interprete e, alén diso, ofrece tamén unha cumprida análise da súa produción ensaística de tema relixioso e/ou haxiográfico, demostrando a importancia que este tipo de literatura tivo sempre na súa traxectoria.

De santos y milagros constitúe unha moi meritoria achega, posto que, ao tempo que recupera e pon ao alcance do lector ducias de textos descoñecidos e de non doado acceso, posibilita tamén unha nova ollada analítica á escrita literaria do mindoniense. Neste sentido, o traballo de Xosé Antonio López Silva merece saudarse con aplauso, pois, fóra dalgunhas inexactitudes e datos errados que se deslizan aquí e acolá ao longo do seu estudo introdutorio, non cabe dúbida de que fornece ao interesado na obra de Cunqueiro dunha escolma de primeira orde e soubo moi ben presentar e explicar a fascinante maxia de sabedorías e imaxinacións infindas coas que o mindoniense, señor das palabras, seguirá a aglaiar por séculos.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-5-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a A romaría de Cunqueiro

  1. Un pracer, Armando, como sempre, ler os teus informes e comentarios tan rigorosos e de tanto interese. No que atinxe ao “filtro melancólico” de que fala C. A. Molina, paréceme dunha evidencia incuestionábel. Non é que haxa que facer unha revisión global da obra cunqueiriana. Creo que a melancolía, a actitude saudosa, esa maneira de ollar, está na base da creación do mindoniense desde sempre, mesmo (diría eu) desde os primeiros poemas de vanguarda, apesar dese (falso) inxenuismo que salientou a crítica. Eu persoalmente nunca puiden ler a Cunqueiro de outro modo, sabendo (iso si) que o contrapunto irónico (o outro ingrediente imprescindíbel) rebaixa de cotío a vía da “traxedia”. Benvidas sexan estas novas achegas, inéditas de todo ou en parte. Parabéns e apertas.

Os comentarios están pechados.