A vida na corda frouxa

A primeira vez que lin a Goretti Fariña foi polo ano 2000. Gañara daquela o primeiro premio do Certame de Poesía Rosalía de Castro que convocaba a Casa de Galicia en Córdoba e o seu texto fora publicado pola santiaguesa Follas Novas Edicións no seo da colección Libros da Frouma. Ata onde sei, foi aquel o seu primeiro libro publicado e apuntaba xa nel a escritora que os anos nos trouxeron.

Vén isto a conto pola recente aparición da súa novela curta Orlando pendurado, máis que revelador exercicio de hipertextualidade paródica en directo diálogo coas obras de Matteo Maria Boiardo e, sobre todo, Ludovico Ariosto.

A historia deste Orlando pendurado sorprende pola orixinalidade da súa formulación: un ex-seminarista, traballador nun estaleiro, sofre un accidente que o deixa pendurado dunhas correaxes de seguridade a nove metros do chan. Entrementres non chegan os bombeiros a socorrelo, ten tempo a repasar mentalmente todos os sucesos últimos da súa vida que, na corda frouxa e á luz da posibilidade dunha fin inminente, adquiren un cariz distinto e acabarán por decidilo a tomar unha determinación no cambio de rumbo dos seus futuros pasos.

Escrita a xeito de transposición paródica dos subtextos dos que parte, esta imitación burlesca resulta da neocodificación dos motivos e estruturas das obras renacentistas amentadas, unha sorte de imitación burlesca e deformante onde a transposición e o trasvestimento operan unha relectura do texto orixe para transformalo nunha nova obra que subverte, en boa medida, as teses do vello modelo.

Polo camiño van xurdindo os grandes temas da novela: a crítica ao sistema político-económico neoliberal e os excesos da patronal, a sátira desapiadada contra a superstición de vedoiros e outras lañas, a denuncia dunha sociedade laboralmente precarizada e sobreexplotada, a presenza da difícil e dramática realidade inmigratoria e, moi especialmente, a crítica furibunda contra a Igrexa institucionalizada e os seus sibilinos mecanismos de poder.

Mais neste Orlando pendurado hai lugar tamén para unha interesante polarización dos universos do rural e o urbano, representados o primeiro polo propio Orlando Valiñas e o segundo pola súa moza, Alexandra. Dúas concepcións vitais por veces antagónicas que teñen aquí fidel reflexo no carácter de cada un dos personaxes, que ven como o pasado que os foi conformando como individuos van devagariño facendo cada vez máis imposible a súa convivencia, o que acaba por arrastralos ao desamor e a frustración.

A prosa de Fariña avanza con ritmo preciso e períodos depurados de áxil adxectivación. Un relato que se deixa ler con agrado e fai esquecer os parlamentos de dialéctica sobreelaborada que en ocasións gastan os personaxes principais. Unha historia, por tanto, amena e suxestiva, na que non faltan doses do mellor humor e que só vira opaco nun final opinable, que amosa unha reacción do protagonista da que talvez non se nos deu razón suficiente nas páxinas precedentes e que máis semella responder ao canxado transtextual coa obra de Ariosto que ao desenvolvemento harmónico da progresión evolutivo-emocional do personaxe, roto aquí por un comportamento disruptivo inexplicable.

Orlando pendurado, que obtivo o último Premio de Novela Curta ‘Cidade Centenaria de Riveira’, é a confirmación da traxectoria ascendente da vilagarciá María Goretti Fariña Caamaño, da que cabe agardar no futuro novos textos cos que a súa andaina como poeta e narradora siga a medrar.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 27-5-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
This entry was posted in Crítica literaria, Narrativa galega actual and tagged , , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>