Dalla parte delle bambine

Por volta de 1975 a historiadora feminista Adela Turín comezou a publicar en Italia unha serie de libros pensados para as máis pequenas e pequenos cos que trataba de reivindicar o papel da muller na sociedade e acabar cos estereotipos sexuais que tanto abundaban entón na literatura infantoxuvenil.

Aquela colección, que se chamou ‘Dalla parte delle bambine’, tivo de inmediato grande éxito e foi traducida a distintos idiomas, entre eles o castelán (da man da exemplar editora Esther Tusquets) e, xaora, o francés, de onde semella tomarse o texto base para a tradución do orixinal italiano Arturo e Clementina, agora en galego en versión de Eva Almazán para Kalandraka.

Artur e Clementina —pois con este título se trasladou o relato de Turín á lingua de noso— narra nun feixiño de páxinas a historia de dúas tartarugas que, namoradas, deciden casar. Mais ao pouco da voda todo comeza a ir mal, pois namentres Artur vive unha vida regalada, Clementina acabará por se ver presa na súa casa, amoreando cachifallos materiais que o seu marido lle compra pensando que así a poderá contentar e negándolle calquera posibilidade de desenvolver unha vida autónoma e verdadeiramente libre en paridade.

Xa que logo, unha moderna fábula con mensaxe máis que evidente e, non por iso, menos necesaria: o rol feminino da esposa sufrida, encarcerada na gaiola de ouro do fogar, privada de calquera vida social ou iniciativa persoal pública acaba por esfarelar nesta delicada, tenra e emotiva narración, na que a valentía e a xustiza rematan por brillar coa rebelión final de Clementina.

Se andan polo medio das nosas nenas e nenos, se queren axudar a educar en valores sen perder por iso en calidade literaria, este emocionante conto de Adela Turín, fermosamente debuxado por Nella Bosnia, é unha aposta máis que atinada, pois, logo de case corenta anos da súa primeira publicación, o que coa súa lectura se nos aprende segue a ser ensinanza aínda máis que conveniente.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Tradución e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Dalla parte delle bambine

  1. Boas noites.

    Sigo día a día o progreso deste blog, día a día o traballo e bo facer de Armando.

    Non me sorprende o máis mínimo a impresionante acollida, nin a adicación á mesma de Armando, nin o exquisito traballo que nela nos mostra.

    Como todo o anterior é algo esperado, non me queda nada máis que seguir gabando este excelente exemplo de difusión da cultura galega.

    Grazas por ofrecernos este berce de crítica, cultura, parlamento e, en definitiva, bo facer.

    Unha forte aperta dende terras mariñás.

Os comentarios están pechados.