Roteiro trobadoresco compostelán

Yara Frateschi Vieira, Isabel Morán Cabanas e José Antonio Souto Cabo publicaron recentemente O amor que eu levei de Santiago, fermoso título tirado dunha cantiga de Fernando Esquío que agocha un magnífico ‘Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa’ editado por Toxosoutos.

Xenuína guía literaria de Compostela e arredores, nas súas páxinas un pode moi ben ir (re)descubrindo a vella capital axudado polas alusións que á mesma os nosos trobadores deixaron nos seus versos ou por ser algúns deles creadores vinculados á cidade.

Rigor na edición dos textos mais aliviado de rémoras ecdóticas, fondo saber nas fichas explicativas e biográficas —que engaden valiosísimos datos, aínda inéditos, pertencentes a investigacións en curso dos autores— e acaído acompañamento fotográfico de lugares e motivos son os principais acertos deste volume, ao que tan só lle prestaría en vindeiras edicións —que agardamos prontas— algún tipo de mapa orientador e a restitución de esquecementos bibliográficos.

O amor que eu levei de Santiago: fantástico guieiro literario co que ollar, aglaiados, a cidade das cantigas.

[Co título “Amores de antano e sempre”, publicado no xornal Faro de Vigo, 14-6-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura galega e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.