Letras na ‘Xanela’

Dende as antigas e señoriais terras dos cabaleiros a Asociación Cultural Eira Vella fai posible que agrome ese milagre de literatura florida que é A Xanela, revista que dende hai preto de vinte anos xa vén servindo de altofalante cultural non só a toda a bisbarra betanceira, senón que soubo ir facéndose un nome no resto do territorio de noso e hoxe é unha das cabeceiras máis apreciadas e seguidas por lectores de moi diversos lugares.

O novo número da revista A Xanela —que o fai o trinta e tres no cómputo global e que se corresponde co exemplar trimestral da primavera— integra, coma outras veces, interesantes textos poéticos, narrativos e ensaísticos.

Aínda que sería prolixo determe agora en todos e cada un dos escritos, non quero deixar de destacar os doentes versos de Diana Varela Puñal, os terantrópicos de Gabriela Rodríguez ou os melancólicos e blusísticos de Miguel Mato Fondo, como tampouco a prosa evocativa e de recendo histórico de Elena Veiga Rilo ou a parapopular ao xeito das ‘cousas’ de Manuel Fiaño Sánchez, creacións todas que comparten espazo coa sutil aforística de Cristino Cortes e os poemas en portugués de Eduardo Olimpio e João de Castro Nunes.

No capítulo ensaístico, alén das entregas divulgativas sobre Paz-Andrade polo seu Día das Letras (algunha especialmente meritoria, como a asinada por Xesús Torres Regueiro) e dos moi informados artigos etnográficos, musicais ou arqueolóxico-patrimoniais de Xosé María Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Moncho do Orzán, Antón Fernández Malde, Manuel B. Dans e Xosé Luís Sobrino, ten para min grande valor o traballo de Antón Capelán titulado “Catro sonetos descoñecidos de Álvaro Cunqueiro”.

En efecto, o artigo do profesor Capelán xira en torno a catro sonetos (dous en galego e outros dous en castelán) escritos por Cunqueiro entre comezos dos anos trinta e os primeiros dos corenta do pasado século. Tres deles apareceron na revista bonaerense Céltiga e o cuarto inseriuse no volume colectivo Los cien mejores sonetos españoles (1940) preparado para as barcelonesas Ediciones Patria por Manuel Cristóbal.

Pois ben, cómpre aclarar que se ben os dous textos en castelán nos eran, en efecto, ata agora descoñecidos, os dous sonetos que o profesor coruñés exhuma foran xa, en realidade, publicados pola profesora Teresa López nun seu traballo aparecido no número catorce do Boletín Galego de Literatura, correspondente ao segundo semestre de 1995. Este feito non é, en absoluto demérito ningún, para a importante achega de Capelán, pois ninguén está libre nos eidos da investigación literaria en incorrer neste tipo de coincidencias. Polo contrario, préstame salientar aquí o valioso da recuperación desoutros dous textos en castelán, cos que haberá que contar no futuro cando se decida publicar a poesía completa en castelán do autor.

Boa colleita, por tanto, esta nova A Xanela, quen soubo volver ceifar para o seu lectorado o mellor gran literario. Con tan gorentoso celeiro, visitar as súas páxinas ten asegurada a fartura.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Varia e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.