Fornelos de Montes homenaxea a Manuel Lueiro Rey

[O profesor Manuel Quintáns Suárez no uso da palabra]

Onte estiven por Terras de Fornelos de Montes, o concello no que nacera o 9 de abril de 1916 o narrador e poeta Manuel Lueiro Rey, a quen se homenaxeaba co gallo da Convocatoria do I Premio de Poesía que levará o seu nome e que será fallado alá polo abril próximo. Con tal motivo, tivo lugar un acto literario no salón Multiusos do concello no que participaron diversos oradores amenizados pola Coral San Lourenzo do propio Fornelos, sesión que se viu complementada por un Outlet do Libro Galego que levou adiante naquela vila o grupo de Editores de Compostela e que gozou de grande acollida entre a veciñanza.

Para honrar a memoria de Lueiro Rey interveu primeiramente Xesús Alonso Montero, quen estaba previsto que tracexara un breve perfil biobibliográfico do escritor en pouco máis dun cuarto de hora, pero que ao final rematou por facer as delicias do público asistente abraiándoo co seu saber sobre a vida e obra do homenaxeado durante máis dunha hora e cuarto de intervención.

Tras tan sabedeira alocución, tomaron a palabra, por esta orde, Manuel Quintáns Suárez, Modesto Hermida García, Francisco Lores Mascato e Francisco López Franco ‘Chesqui’, aos que tamén me sumei.

O profesor Quintáns, logo de congratularse pola celebración do acto e salientar o vencello que uniu sempre a Lueiro coa súa terra de nacenza, deu lectura a unha fermosa prosa lírica do escritor titulada “Barcos varados”.

Na súa quenda de intervención, o estudoso e profesor Modesto Hermida felicitou os organizadores da xornada e quixo unirse á rememoración lueiriana co recitado do poema cabezaleiro de Escolma ferida, que declamou con grande agrado de todo o público asistente.

Da súa banda, o Presidente das Sociedades Galegas na Arxentina, Francisco Lores Mascato, primo do homenaxeado, lembrou a estreita amizade que uniu a este con diversas personalidades da emigración e o exilio bonaerense, principalmente Seoane, Lorenzo Varela e, sobre todo, Arturo Cuadrado, vello camarada polo que sentiu sempre grande afecto.

Francisco López Franco ‘Chesqui’, coordinador xeral do Consorcio Editorial Galego, tras lembrar os lazos amigables que o ataban ao autor, con quen chegou a ter un trato de familiar, quixo tamén recordalo nas súas palabras, polo que leu ao auditorio o artigo “Unha vila de mar: o Grove”, texto onde, amais de evidentes referencias á que foi a súa localidade de adopción, poden descubrirse  alusións ao seu Fornelos natal.

Estaba prevista igualmente a participación do crítico literario Francisco Martínez Bouzas, quen non puido asistir por motivos de saúde, así como do editor Olegario Sotelo Blanco, a quen tampouco lle foi posible achegarse ata Fornelos por motivos de axenda.

Cómpre salientar que o acto literario foi todo un éxito, tanto pola centenar asistencia ao mesmo coma, sobre todo, polo feito de ter sido arroupado por numerosos familiares do homenaxeado (algúns dos seus fillos, xenros e noras, amais de netos e sobriños políticos) e, tamén si, por contarse entre o público diversos persoeiros e autoridades que sería longo enumerar, mais que resumirei na persoa de Mariví Villaverde, a heroica escritora galega compañeira de fatigas do chorado Ramón de Valenzuela, unha das voces senlleiras da nosa escrita do pasado século.

Non quero rematar estas liñas sen felicitar vivamente tanto ao propio Concello de Fornelos de Montes —representado no acto polo seu alcalde Emiliano Lage—, soporte e anfitrión de tan amena xuntanza, coma ás xentes da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que, capitaneadas pola entusiasta Carmen Carreiro, facilitaron todos os medios e souberon sumar vontades para que a xornada fose unha realidade.

Do mesmo xeito, non debe deixarse de aplaudir a inestimable colaboración de Sotelo Blanco Edicións, quen fará realidade a publicación das futuras obras distinguidas no Premio Lueiro Rey de Poesía e quen, na persoa de López Franco ‘Chesqui’, colaborou decididamente para que esta festa das letras fose posible.

Por último, debe destacarse tamén que este acto literario serviu así mesmo para materializar unha irmandade entre os concellos de Fornelos de Montes e mais O Grove, no caso deste último representado pola súa Tenente Alcalde Aida Filgueira, quen manifestou a intención de que ambas as dúas corporacións continuasen colaborando na promoción e difusión da figura de Manuel Lueiro Rey.

[Marieta Lueiro honrando a memoria de seu pai]
Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.