Linguas galladas

Se un pregunta ás nosas autoras e autores por aquilo que, ao seu parecer, falta no circuíto literario no que se moven, a práctica totalidade responde, indefectiblemente, que unha das eivas maiores se atopa na falta de visibilidade do seu quefacer alén da nosa comunidade.

Por iso, precisamente, non cansarei nunca de aplaudir a aparición de todos aqueles traballos destinados a dar a coñecer a nosa literatura fóra das nosas fronteiras lingüísticas naturais, servíndose da poderosa vía da tradución como vehículo co que conducir a arte da palabra de noso ata os lugares máis diversos.

Así acontece coa moi recente publicación de Forked Tongues, o volume preparado pola profesora da Universidade de Santiago Manuela Palacios González para a editorial Shearsman Books no que se recolle unha ben representativa antoloxía de poetas galegas, vascas e catalás traducidas ao inglés por escritoras e escritores irlandeses.

Forked Tongues naceu no marco dos encontros anuais que a Federación Galeusca leva a cabo de xeito rotatorio nas nacións que aglutina (Galicia, Euskadi e Catalunya). Foi concretamente na xuntanza que o pasado ano tivo lugar en Barcelona cando a profesora Palacios, a demanda de diversas escritoras e escritores destas tres nacionalidades presentes nas xornadas, se comprometeu publicamente a levar adiante a confección dunha escolma da escrita destas tres literaturas que se vertese ao inglés para aproveitar, como lingua franca internacional que de facto este idioma é, o seu potencial divulgativo.

O resultado dese compromiso é o presente Forked Tongues, no que colaboraron algunhas das máis importantes autoras éuscaras (Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao) e catalás (Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mireia Calafell), amais de cinco das nosas máis recoñecidas poetas: Pilar Pallarés, Chus Pato, Lupe Gómez, Yolanda Castaño e María do Cebreiro.

Evitarei aquí manifestarme sobre a polémica, tan vella coma os camiños, de se están todas as que son ou se, pola contra, deberían estar outras ou máis das que están. Abonde con dicir que están as que a antóloga creu representativas do noso momento literario e, xaora, as que gozan da súa preferencia lectora e crítica.

Prefiro ocupar estas liñas salientando o valioso traballo que unha ducia de tradutoras e tradutores irlandeses (M. Harmon, L. Shaughnessy, A. Le Marquand Hartigan, M. Medbh, M. O’Donell, C. de Fréine, C. P. MacCarthy, S. Connolly, P. Bushe, M. O’loughlin, P. Meehan, K. Payne e T. Dorgan) realizaron insuflando vida na lingua de Shakespeare aos versos das nosas autoras e das súas irmás vascas e catalás. Porque o labor deste colectivo engadiu un plus ao puramente translacional: o que proporciona a visión dun pobo que, coma os nosos, vive a estrañeza de ter a lingua gallada á que alude o título do propio volume.

En efecto, as irlandesas e irlandeses, como moi ben expresou Eavan Boland no seu libro The Lost Land, tamén falan, coma nós, “with the forked tongue of colony”, a lingua gallada do colonizado que ten que loitar por facer sobrevivir o seu idioma materno baixo a presión da fala do colonizador.

É por iso que a comprensión global dos versos das escritoras galegas, vascas e catalás deste volume adquire nova dimensión ollada dende Irlanda, o que, necesariamente, acaba por reflectirse na música, o sentido e a esencia dos textos traducidos.

Forked Tongues ábrese cun moi documentado e informativo prólogo titulado “Women Poets in Translation. An Introduction” no que a profesora Palacios dá conta tanto das relacións socioculturais que unen Galeusca e Irlanda coma, xa particularizadamente, da traxectoria de todas e cada unha das poetas traducidas. Segue logo a edición dos textos, bilingüe galego/vasco/catalán-inglés e, por remate, un compendiado apéndice biobibliográfico sobre autoras e tradutores.

Así pois, cómpre saudar con ben este Forked Tongues en edición de Manuela Palacios, unha das nosas máximas especialistas nas relacións literarias galegoirlandesas que foi quen de materializar aquí o difícil reto de dar voz ás nosas poetas nun mercado e nunha lingua para os que, en non poucas ocasións, viñemos resultando un tanto invisibles.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 19-8-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.