Con Lupa

María Solar, coñecida xornalista galega, é tamén dende hai anos asidua cultivadora da literatura infantil de noso, na que ten asinado textos narrativos como O tempo do revés (2008), Boa Sorte (2008), O fillo do pintamonas (2009) e o aínda recente Vou ter un irmán! (2011).

Regresa agora á actualidade literaria cun novo proxecto, a novela As meigas de Lupa, volume publicado na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia co que a autora debuta no eido da escrita xuvenil.

Fiel ao feliz casoiro que en todos os seus textos se produce entre un natural afán didáctico —a súa formación como mestra e bióloga fana camiñar por ese vieiro— e unha animosa e rebordante pulsión imaxinativa —que non desapide de mil e unha marabillas e feitos sorprendentes—, Solar propón na súa nova novela unha historia na que reaproveita o vello lendario da raíña Lupa e o desembarco dos restos do apóstolo Santiago para recrear dende os nosos días unha trama de aventuras feéricas a ritmo deliciosamente cinematográfico, que para algo a autora é personaxe ben querido das cámaras de noso.

Narrada nunha alternancia temporal que logo leva o lector do século I despois de Cristo ata o presente indo e volvendo, As meigas de Lupa conseguen tecer un entretido relato inzado de aventuras e personaxes engaioladores de cativadora aura mítica.

Convén lembrar ao lectorado afecto a este tipo de historias que As meigas de Lupa é unha narración eminentemente xuvenil, o que explica —non sei se xustifica— que a súa autora relaxase o rigor nas descricións e caracterizacións históricas, opción máis asumible que algunhas outras fías soltas destas páxinas (cambios no nome de personaxes, inconsecuencias temporais, saltos de rácord e similares).

As meigas de Lupa, primas irmás en tantos sentidos de Harry Potter, das Winx, de Kika Superbruxa e moitos outros produtos de masivo consumo bibliocinematográfico e televisivo, han ofrecer ás nosas e aos nosos adolescentes unha trama amena e divertida, na que non falta a acción e o suspense e na que cómpre estar pendente para coñecer a resolución da enésima loita entre o Ben e o Mal que María Solar volve aquí felizmente propor.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 26-8-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.