Das casas

Paula Carballeira acaba de publicar Casas, libro singular tanto pola concepción e temática coma polo enfoque no tratamento destas.

Integrado na moi coñecida colección Ala Delta (Tambre-Edelvives), Casas repasa en vinte e un capítulos outros tantos tipos de vivendas nas que os seres humanos ou os animais moran. Faino, amais, alternando o relato en prosa co poema narrativo, nunha complementariedade que engade un agradecido plus estilístico a un discurso sempre imaxinativo, benhumorado e non por iso exento de comprometida crítica para con sensibles cuestións sociais que aparecen sutilmente tratadas como pano de fondo.

Desfilan, así, pola obra as casas de palla, as casas niño dos paxaros, a casa ás costas do caracol, a casa allea do cuco, a casa haima, a casa iglú, a casa de bonecas ou a casa barco, entre outras. Fantásticas vivendas que cobran vida, en atractivo trazo, mercé ao ollo que todo o aprehende da ilustradora pontevedresa Minia Regos.

Este artificio —moi na liña do mestre Rodari— sérvelle a Carballeira para percorrer diversas filosofías vitais e contrapostas praxes tanto individuais coma grupais. O resultado son estas divertidas, amenas e xenuínas Casas de Paula Carballeira, que farán as delicias d@s cativ@s e d@s que xa non somos tan pequen@s. Atrévanse a abrir a porta desta casa de papel e traspasen o lintel do lar que xenerosamente hospicia para nós a escritora ferrolá.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.