Letras de señardade

Dúas letras é a máis recente alfaia deitada pola portentosa imaxinación de Fina Casalderrey. Unha historia emotiva en extremo, un relato de amor maternal na que a dureza da emigración, a señardade infinda, a tenrura e o humor resistente son os elixires dunha poderosa aliaxe de soños, estrañezas e afectos.

A Editorial Galaxia edita esta extraordinaria narración da escritora pontevedresa xunto á curtametraxe que Eloy Varela fixo a partir dela. Un filme, presta dicilo, protagonizado pola nai da autora, por esta mesma e por outros parentes, o que fai da película unha creación de familia entrañable e insólita.

O libro-dvd Dúas letras recolle tamén entrevistas con Teresa Fraga —protagonista da curta—, coa propia escritora e mais co director da cinta, alén dun making off, perfís biográficos dos responsables desta peza literario-cinematográfica e mais dous textos breves sobre o mundo da aldea e da emigración dos editores Víctor F. Freixanes e Francisco Castro.

Este Dúas letras de Fina Casalderrey e Eloy Varela, premio do público no último Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, é unha delicadísima e impagable crónica dun mundo que esfarela e que cumpría salvar para a nosa memoria. Por ese rescate, vaian as nosas beizóns aos responsables.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 6-9-2012]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.