Dragalizados

Dragóns durmidos que agardan unha resurrección, tempos medievais que agochan simbólicos segredos, medallóns máxicos que comunican seres e mundos, herdanzas e destinos irrenunciables, bibliotecas que custodian antiquísimos libros prohibidos, as témeras augas da Poza da Moura, unha poderosa orde de vellos cabaleiros que se constitúen en fraternidade, metamorfoses que procuran seres híbridos, un xuramento de sangue inquebrantable, os arcanos da Ciencia Secreta, criptas, plenilunios e barcas funerarias, ovos alquímicos nos que a enerxía do universo se concentra.

Todas estas teselas adoitas na épica fantástica concorren por xunto na triloxía Dragal, da xornalista Elena Gallego Abad, que chega agora á súa terza entrega co título A fraternidade do dragón, volume que continúa os anteriores A herdanza do dragón e máis A metamorfose do dragón.

Vibrante, inzada de acción e aventuras, esta escrita de Gallego Abad convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal. Unha lectura que escolle o seu lectorado, que dúbida cabe.

          

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Dragalizados

  1. Lora di:

    Gustoume o libro. Eu daríalle un 7’75, porque a primeira parte do primeiro libro non me gustou moito, era un pouco aburrido. En cambio, a segunda parte enganchoume e ao mellor leo o segundo libro. Quero darche ánimos para que sigas así e sigas escribindo. A min encántame esscribir e gustaríame publicar un libro… pero xa veremos. Un saúdo.

Os comentarios están pechados.