Lembrando a Manuel Leiras Pulpeiro

O médico, escritor e filántropo mindoniense don Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) está de aniversario. Este nove de novembro próximo cumprirase o centenario do seu pasamento. Con tal motivo, ao longo destes últimos meses estanse a desenvolver unha serie de iniciativas que culminarán na celebración dunhas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo os días 9, 10 e 11 de novembro.

No marco desas xornadas lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense estudos@s e analistas tan prestixios@s como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi González, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antón Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outr@s.

Tod@s aquel@s interesad@s neste evento (se clicades na imaxe do programa que figura máis abaixo poderédelo ver en grande), sabede que o prazo de matrícula para o congreso está aberto e que podedes dirixir as vosas solicitudes ao seguinte enderezo: concellodemondonedo@yahoo.es

Nesas mesmas xornadas, tamén se presentarán novas edicións da obra do autor, pois esta levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición. Neste sentido, cómpre aplaudir as Poesias completas. Manuel Leiras Pulpeiro que para a serie Clássicos da Galiza da AGLP realizou o profesor Bernardo Penabade, así como dar noticia da Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética disposta para a renovada colección Letras Galegas da Editorial Galaxia por Xurxo Martínez González e un servidor.

Igualmente, nesa xuntanza en homenaxe ao estimado poeta e estudoso da tradición oral farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, certame que ten rexistrado unha moi alta participación que alcanzou o medio cento de orixinais.

Así pois, estas actividades veñen sumarse a outras que se foron desenvolvendo ao longo de todo este ano e das que xa temos dado conta aquí, como as V Xornadas do Peregrino en Homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro polo Centenario do seu Pasamento (organizadas en xullo pasado pola Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago), o ciclo cultural ‘Que non calen os eidos!’ (que estes meses levou representacións teatrais inspiradas na biobibliografía do autor por toda a contorna mindoniense) e mais a elaboración dun Roteiro Leiras Pulpeiro promovido por diversas entidades.

Este conxunto de iniciativas confirman a importancia da figura de don Manuel Leiras Pulpeiro, así como a vixencia do seu legado e exemplo, que permanece vividísimo en tod@s @s mindonienses, mariñaos/ás e galeg@s de ben. Que sexa en hora boa!

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.