Crónica das ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’

Os pasados 9, 10 e 11 de novembro celebráronse en Mondoñedo unhas moi concorridas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo concello desta cidade en colaboración coa deputación lucense. Con tal motivo, foron moitas e moi variadas as iniciativas que tiveron lugar, entre as que non faltaron a presentación de libros sobre o escritor mindoniense, a entrega da primeira convocatoria do premio de poesía que leva o seu nome e mesmo actuacións musicais, representacións teatrais, roteiros guiados ou o descubrimento dunha placa conmemorativa na súa casa natal.

Libros, premios e outras homenaxes

A xornada matinal do venres 9 arrincou coa ofrenda anual dunhas rosas vermellas sobre a campa do poeta no cemiterio vello da cidade, ofertadas polas autoridades locais (representadas na figura do alcalde Orlando González Cruz e mais o concelleiro de Cultura Xusto Fernández Haro) e un nutrido grupo de intelectuais. Nesta data tan sinalada do centenario do cabodano do escritor, a encargada de deitalas sobre a tumba de quen, como reza o seu epitafio, ‘amou a Verdade e practicou o Ben’, foi a súa neta Carmen Echever Leiras.

A seguir, no salón nobre do concello presentouse o volume Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro, da autoría de Xurxo Martínez González e mais quen asina estas liñas, libro publicado pola editorial Galaxia que é, hoxe por hoxe, a única edición accesible da obra leirasiana pensada tanto para un público xeral coma para o lectorado especializado, pois había case trinta anos que esta non se reeditaba.

Do mesmo xeito, tamén se deron a coñecer as Poesias completas do escritor nunha versión de responsabilidade colectiva, aínda que coordinada polo profesor Ramón Reimunde, e publicada pola ‘Academia Galega da Língua Portuguesa’, texto ideado, sobre todo, pensando no seu espallamento entre a comunidade lusófona.

O remate da mañá deste primeiro día chegou coa entrega dos galardóns do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, no que foron distinguidos: co primeiro premio, o vigués Xurxo Martínez González pola obra “Nenia a Leiras Pulpeiro”; co segundo posto, o escritor de Sober Ramón Sandoval Pérez por “Cicatrices do insomnio” e, co terceiro lugar, Olalla López Barro por “O corpo indomábel”.

Do gañador destacou o xurado (composto polo investigador e ensaísta Félix Villares, a profesora Aurea Ramil e un servidor) a excelente dicción, a boa inserción do mundo leirasiano no poema e mais a súa voz temperada, ritmo e musicalidade sempre acompañados de moi suxestivas metáforas. Tamén si, convenceu a unidade que presidía o conxunto poético, cunha estrutura moi ben trabada que soubo poetizar impecablemente todo o cosmos leirasiano (lugares afectos ao poeta, devocións persoais e idiosincrasia) e que, amais, se presentou seguindo o ronsel dun xénero que na literatura galega tivo como mestre indiscutible a un poeta xustamente do Seminario de Mondoñedo: as ‘nenias’ de Aquilino Iglesia Alvariño.

Da súa parte, os textos do segundo clasificado gustaron pola habelencia no emprego da retórica clásica que neles se descobre (preguntas retóricas, series paralelísticas etc.) e a mestría no uso do discurso culto (aproveitamento de lecturas e citas en homenaxe implícitas) entremesturado coas solucións máis underground e aínda posmodernas.

Finalmente, da poeta gañadora do terceiro premio sorprendeu o talento para o procesado e incardinación de lecturas tanto da poesía galega actual (principalmente visible nas pegadas de Claudio Rodríguez Fer e Olga Novo) como de ensaístas feministas referenciais (Victoria Sau ou Casilda Rodrigáñez, por exemplo). O conxunto resultante é unha poesía de fondo telurismo e alento erótico que se fai poderosa na súa celebración do gozo do existir e da arribada á vida coa nacenza.

A sesión de tarde deste primeiro día abriuse coa proxección do breve documental Manuel Leiras Pulpeiro 1854-1912 realizado polos membros da Fundación TIC de Lugo, representados nesta xuntanza pola súa directora Margarita Soilán Carbia. Nel, alén dunha sucinta panorámica da biobibliografía do escritor, poden escoitarse un xeneroso monllo dos seus cantares acompañados de imaxes alusivas.

Tras do visionado, o especialista Ramón Reimunde impartiu a conferencia “Vixencia e actualidade de Leiras Pulpeiro”, na que fixo un repaso completo dos principais socalcos ideolóxico-literarios do poeta, con grande profusión de información biobibliográfica e documental, demostrando a plena actualidade da súa obra, a perdurabilidade desta e a necesidade de recuncar na súa lectura e análise.

Como guinda a esta intervención, o poeta e músico César Morán Fraga cantou un magnífico tema con letra de Leiras (o famoso poema “Roseira de rosas roxas”) que el mesmo musicou.

Para terminar esta xornada inicial, Xesús Alonso Montero, Isabel Morán e o autor desta crónica ocupámonos, respectivamente, das implicacións bioliterarias dos posicionamentos sociopolíticos de Leiras en cuestións como o seu casamento civil; da presenza do tema da morte e o paso do tempo nos seus versos e mais da relación e/ou influxo do poeta noutros autores mindonienses como Antonio Noriega Varela, Eduardo Lence Santar, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

Historia, lingua e mindonicidade leirasiana entre música, paseos e teatro

A segunda xeira congresual do sábado 10 principiou cunha conferencia do historiador Xosé Ramón Veiga Alonso sobre “Leiras e as coordenadas históricas, políticas e ideolóxicas”, na que se detivo con acuidade no contexto político republicano que como cidadán animou os pasos do escritor e as súas angueiras en tempos nos que a asoballadora maioría monárquica dominaba a escena gobernamental.

A esa mañá púxolle o broche un moi interesante roteiro leirasiano guiado polos estudosos Antón Meilán, Ramón Reimunde e Xe Freyre, quen levaron o máis de medio cento de asistentes ás xornadas ata algúns dos principais enclaves vitais do autor.

Xa pola tarde, a mesa redonda “A lingua do poeta e da súa xente” reuniu os docentes universitarios María Dolores Sánchez Palomino, Francisco Fernández Rei e Antón Meilán García, que trataron diversos aspectos relacionados cos traballos lexicolóxicos e etnolóxicos de Leiras, así como cuestións que teñen que ver coas súas opcións dialectais ou a súa orixinalidade gramatical.

Como interludio dos relatorios deste serán, o Coro da Escola Municipal interpretou cinco temas harmonizados por Xoán Carballal sobre poemas de Leiras que espertaron o aplauso unánime do público que enchía a Casa da Xuventude.

As intervencións deste día acabaron cunha outra mesa redonda dedicada ao tema “O mindoniense Leiras Pulpeiro”, onde Xe Freyre achegou unha moi valiosa análise da posible datación dos versos leirasianos; Alicia Tella-Villamarín Ferreiro realizou unha aproximación emotiva ao persoeiro dende a súa memoria sentimental; Antón Meilán profundou na plasmación da tristura vital que ensombrece a escrita do autor tratando de explicar as causas desta e reivindicando unha maior e mellor atención á súa obra e Andrés García Doural tracexou unha exhaustiva árbore xenealóxica do escritor.

A xuntanza finou coa representación nocturna dunha obra teatral a cargo do grupo afeccionado O Bordelo na que, partindo dos textos e a vida de Leiras, se levou a cabo unha adaptación escénica baixo a sabia dirección do dramaturgo Francisco Piñeiro.

Contos, cantos dun poeta do pobo

O terzo e derradeiro día de reunión, domingo 11, puxo fin a estas Xornadas coa mesa redonda “O contar e o cantar do pobo: etnografía e literatura popular”, na que os etnógrafos e especialistas en literatura galega de tradición oral Xosé Manuel González Reboredo, María Camiño Noia Campos e o mais o mindoniense Antonio Reigosa Carreiras abordaron as meritorias contribucións de Leiras en eidos como o do refraneiro, a aforística e a nosa poesía e contística popular, pescudando nas súas raíces e conectándoas con creacións parellas documentadas noutros lugares e tradicións. Así, namentres que González Reboredo se centrou na colaboración de Leiras na enquisa etnográfica promovida polo Ateneo de Madrid entre 1901 e 1902, Camiño Noia ocupouse de tres relatos de corte popular que ficaron manuscritos no arquivo Leiras da RAG e que esta estudosa atribúe ao mindoniense e Antonio Reigosa analizou o simbólico, o imaxinario e as escasas pegadas do pensamento máxico ou mítico que na obra de creación ou recolección leirasiana poden rastrexarse.

A modo de testemuñal recoñecemento para o futuro, estas Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro clausuráronse co descubrimento dunha placa conmemorativa na casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro e unhas palabras da neta do autor e mais das autoridades representantes da entidade organizadora, que fixeron público o seu desexo de seguir a traballar a prol de espallamento e valoración da figura de poeta.

Presente e futuro de Leiras

Fóra do marco destas Xornadas, pero tamén movidos pola conmemoración do centenario do cabodano do escritor, desenvolvéronse outras iniciativas en honra e memoria do autor de Cantares gallegos. Entre elas, quero salientar a aparición dun número monográfico da revista Amencer elaborada polo alumnado do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo no que se recollen, xunto a unha sinopse biográfica e pequena escolma, unha entrevista con Ramón Reimunde, un artigo admirativo de Uxío García Amor, unha investigación documental sobre a homenaxe a Leiras realizada polos Fillos de Mondoñedo en Buenos Aires que asina Xosé Isidro Fernández e mais un traballo da autoría de Félix Villares sobre a controvertida cuestión relixiosa no poeta que tenta responder a se era ou non crente.

En resumo: mentiríase se se afirmase que a figura de don Manuel Leiras Pulpeiro gozou ao longo destas últimas semanas e mesmo ao longo de todo o ano do recordatorio e recoñecemento masivo de toda Galicia que tería sido desexable, pero tamén se faltaría á verdade se non se dixese que grazas aos esforzos do concello de Mondoñedo, a Deputación de Lugo e un grupo significado de mindonienses (e algúns outros que, non séndoo, amosan estimanza por estes e os seus escritores) o seu exemplo foi lembrado e as súas achegas como poeta e cidadán convenientemente destacadas. Se a isto lle sumamos que por fin se contan no mercado edicións accesibles da súa obra e que hai a previsión de tentar dar ao prelo un volume no que se compilen os relatorios presentados a estas Xornadas, entenderase que se poidan ter esperanzas fundadas de que o futuro será máis espléndido na consideración e coñecemento dun creador que ata o de agora tivera un pasar relativamente discreto fóra das terras da antiga capital do Reino. Eu, polo menos, fago votos dende aquí para que así sexa, porque amo tamén a Verdade e quero practicar o Ben de recordar a quen tan maxistralmente soubo cantárnola.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Crónica das ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’

  1. Bos días Armando
    Quero felicitarte pola excepcional crónica sobre as ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’, que acaban de rematar nesta cidade de Mondoñedo. Ler todo o que nos comentas é sinónimo de estar sentado na Casa da Xuventude escoitando a todos e cada un dos que departiron nestas xornadas.
    Agardo que xornadas deste tipo se repitan en Mondoñedo, dende logo persoeiros sobre as que versalas temos.
    Unha aperta e, unha vez máis, en hora boa polo constante crecemento deste blog, referente xa nas bitácoras galegas desta temática.

  2. Armando. Grazas pola tua crónica e a túa colaboración na homenaxe ao insigne escritor e médico Leiras Pulpeiro. Mondoñedo necesita de todas as persoas (residan na cidade ou na diáspora) para tratar de pervivir nestes difíciles tempos que afogan a nosa bisbarra (abafada co peche de ECAR-FIMSA), polo que temos que tratar de poñer en valor o noso patrimonio monumental e cultural, o Turismo, a Etnografía… e por iso agradecemos o voso compromiso coa cidade e a bisbarra.

  3. Moncho Reimunde di:

    Magnífica crónica das Xornadas de Leiras. Parabéns.

Os comentarios están pechados.