A liña non escrita

A escrita como ponte, como fía que nos ata a unha existencia insular rodeada dun pélago de sombras, ausencias, ocos e baleiros. Do outro lado do espello, abríndonos ao abismo dos alentos, só as puntas invisibles das palabras nos salvan do abismo do nada. Velaí o que ofrece Xelís de Toro no seu O libro das pontes invisibles, volume impreso baixo o selo de Pighog Press en Brighton, Reino Unido.

O incomunicable, a vertixe do libro aberto que un é, esa folla branca e impoluta (na) que (nos) escribimos e, atravesándoo todo, a canción protesta, a fractura social e os ermos do insolidario que merecen a crítica do poeta deambulan por estes poemas. Neles, a voz lírica descóbrese habitando un intre, no tempo impreciso dunha bágoa, en horizontes que cómpre inventar, ata que se volven parabólicos, mesmo lendas e alegorías (Da man á boca/ hai unha liña non escrita,/ unha ponte invisible/ esfrangullada nun infinito/ de pensamentos e emocións,/ do non feito, non dito,/ non chegado, non vivido”.)

Aquí todo se dá nun festival visotextual, nunha orxía verboicónica experimentalista na que o pulo neovangardista campa ceibo e interactivo: poemas visuais, caligramas, disposicións gráficas expresivas, manuscritos, microdramas, composicións participativas e moitos xogos fónicos, paralelísticos, iterativos e de reorganización do discurso.

Este orixinal poemario é, tamén, un produto multimedia que se acompaña doutras creacións poliartísticas xeradas por un grupo de colaboradores que foron convidados a crear plástica, cinematográfica, literaria, teatral, musical, coreográfica e performativamente a partir dos textos de De Toro. O resultado destas procuras mestizas, transfundidas, postextuais recóllese no DVD que acompaña a publicación, onde figuran imaxes, vídeos e audios con todo o caudal interpretativo destes creadores.

Alén do dito, O libro das pontes invisibles amosa tamén unha outra peculiaridade que engade valor: trátase dunha edición bilingüe, de tal xeito que os poemas galegos de De Toro foron trasladados ao inglés por John Rutherford, encargado tamén da versión de todos os restantes paratextos que acompañan a publicación, adornada aínda cun apéndice fotográfico que reproduce algunhas instantáneas dos traballos realizados polos artistas colaboradores.

Había ben tempo que non se publicaba un volume de poesía galega tan sorprendente como O libro das pontes invisibles do escritor compostelán, quen soubo sumar os esforzos patrocionadores da Lottery Funded, o Brighton & Hove, Dada Projects e o Concello de Vigo para facer realidade este insólito proxecto e devolvernos, así, o máis fresco e orixinal Xelís de Toro.

[Publicado no xornal dixital Praza Pública, 29-10-2012]]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a A liña non escrita

  1. Juan di:

    Entusiásmase un só lendo o teu comentario. Grazas.

Os comentarios están pechados.