Juan Tallón, XIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Narrativa de altura e hospitalidade meca van da man nesa referencial cita do noso outono literario que é o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, impecablemente organizado polo Concello do Grove coa colaboración de Sotelo Blanco Edicións, selo no que ven luz as obras distinguidas neste prestixioso certame, o máis antigo e un dos máis importantes do seu xénero en Galicia.

Como cada ano por estas datas, os membros do xurado deste premio reuníronse onte sábado día 24 para deliberar e fallar a decimo novena convocatoria do galardón, na que participaron máis de dúas ducias de orixinais de estimable calidade.

O crítico e investigador Manuel Quintáns Suárez exercendo como presidente, a escritora e directora editorial Ánxela Gracián en representación de Sotelo Blanco Edicións, o profesor e crítico Francisco Martínez Bouzas e mais o gañador da anterior edición, o tamén escritor e crítico Mario Regueira, foron os encargados de xulgar os traballos presentados a concurso coa axuda da técnica de Cultura Marina Aguín Núñez e mais o concelleiro da área Alexandre Aguín, presentes nas deliberacións aínda que sen voto nestas. A tod@s el@s tiven a sorte de me sumar, nunha mañá que nos deparou a grata sorpresa de distinguir a Juan Tallón como unánime gañador do certame pola súa novela Fin de poema, presentada baixo o lema ‘O porvir baleiro’.

[Fco. Martínez Bouzas, Ánxela Gracián, Alexandre Aguín, Marina Aguín, Manuel Quintáns, Mario Regueira]

Juan Tallón (Vilardevós, 1975), quen xa fora declarado hai dous anos finalista deste premio pola excelente narración A pregunta perfecta, comezou a súa andaina publicando A autopsia da novela (2007, VI Premio Nicomedes Pastor Díaz do Concello de Viveiro) e foi logo recoñecido no 2009 co XXXV Premio Nacional de Narración Curta Modesto Rodríguez Figueiredo polo relato “Era el” e mais o V Certame Literario Concello de Ames polo conto “Pasaron trinta anos”, sendo unha sinatura habitual en diferentes medios tanto impresos como dixitais de expresión galega e non só.

Filósofo de formación e estudoso das figuras do galeguismo histórico da súa bisbarra natal —velaí, poño por caso, a documentada monografía Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar (1998)— é tamén un moi activo blogueiro dende a súa fiestra Probemos con veleno, na que achega case a diario xenuínas pezas de ficción xornalística en non poucas ocasións dadas a coñecer previamente en diferentes revistas e xornais.

É, pois, a de Juan Tallón unha traxectoria claramente ascendente, que leva camiño de convertelo nunha das voces máis orixinais e singulares do panorama narrativo galego dos últimos anos.

Á espera da publicación do manuscrito da novela nos comezos do 2013, momento no que poderá procederse ao comentario demorado da mesma, permítaseme apuntar hoxe aquí algunhas primeiras nótulas sobre esta magnífica narración que é Fin de poema, acabado exemplo de escrita metaliteraria e aínda metaficcional que prosegue e afonda nunha liña creativa aberta polo autor en anteriores obras.

Ideada a modo de particular mecano narrativo, o teselado que solapa este novo texto de Tallón configúrase nunha estrutura contrapuntística en catro estacións de cinco entregas cada unha na que van presentándose os últimos días da vida de catro escritor@s suicidas; a saber: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e mais Gabriel Ferrater.

Cómpre non equivocarse: Fin de poema non é, malia o que poida parecer, unha novela sobre o suicidio, senón unha poderosa narración verbo da intensión lucidísima que revela o camiño certo cara a esa fin. Así pois, non importa tanto o relato concreto dese tránsito (que mesmo figura elidido na obra), como a recreación da agonía reveladora na que @s poetas deambulan cara ao incendio da derrota, ese ‘porvir baleiro’ que se abre ante eles cando chegou ‘a fin do poema’, cando xa non fica lírica ningunha á que asirse e a vertixe do nada o inunda todo.

Ese fastío vital, ese baleiro no que aboian e que conduce os personaxes cara ao abismo está contado por Tallón cunha superior captación das galerías sentimentais, dos tunelados do corazón que se abre a oportunos lugares de indeterminación e reconstrúe decisivos intres biográficos d@s escritor@s novelad@s con admirable habelencia.

Retrato denso e complexo de personalidades narrado con estilística precisa e depurada, o xogo de referencias cruzadas axuda a ganduxar o cosido interior deste enxeño narrativo no que figura sempre algunha cómplice inserción de personaxes galegos que, como pano de fondo, permite ancorar as historias e radicalas en clave propia.

Novela de novelas ou libro de libros, Fin de poema ha dar seguro moito que ler e que falar nos vindeiros meses, pois contribuirá a modernizar a nosa narrativa cunha aposta creativa na liña da máis aplaudida escrita estatal e internacional, que ten no repregamento do ficcional, na autoreferencialidade e no fragmentarismo calidoscópico e metadiscursivo un dos territorios máis fértiles e vangardistas.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Juan Tallón, XIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

  1. Manolo Quintáns S. di:

    Sempre tiven dúbidas sobre ese fenómeno que representa nos medios de comunicación a capacidade do observador-analista-crítico para facer realidade esa inmediatez que esixe a competencia e a mesma urxencia da propia noticia. Sempre tiven dúbidas de como era posible facelo e, sobre todo, tantas veces con tanta dignidade e arte. Hoxe, diante do teu espléndido adianto do resultado do Premio Lueiro Rey 2012, as miñas dúbidas alcanzan definitivamente ese cumio que xa nunca intentarei alcanzar. Simplemente, amigo Armando, es un autético fenómeno!!
    Apertas.

Os comentarios están pechados.