A narrativa curta de Alberto G. Aneiros

Chego á narrativa de Alberto G. Aneiros no seu libro de contos A última viaxe e outros relatos para descubrir un autor que moi ben ten asimilado o maxisterio dos grandes clásicos do xénero da prosa curta.

Lendo os oitos relatos deste libro e a novela breve que o pecha un decátase axiña da multiplicidade de asuntos e temáticas que imantan a atención do autor. Non hai máis que comparar a escrita de protagonismo infantil e abusos pederastas de “Choídos” (premiada, por certo, no Certame Literario Ramón del Valle-Inclán 2008) coa historia tensa de paixóns cruzadas de “Amores non correspondidos”. E outro tanto podería dicirse do brutal e psicótico enlace nupcial de “Unha voda aciaga”, o desacougante encontro pseudoamigable de “Presuntos convidados”, a memoria anticlerical e antifascista coa Guerra Civil ao fondo de “Insubmisos”, o vaudeville de estrépito musical de “Desafinado”, o moi paródico e hamtletiano “O que un vello sepultureiro dixo ao seu fillo” ou a homenaxe risquiana en forma de sátira neorromántica de “Fermín o Señorito”, relatos todos que se ven complementados pola novela breve diarística que dá título ao volume: “A última viaxe”, unha historia que ten moito de crónica de viaxes en clave autorial, cun desenlace inesperado no que a xustiza poética o domina todo.

A última viaxe e outros relatos —que reproduce na cuberta unha suxestiva composición de Calros Silvar— prosegue a nosa vedraia tradición contística para ofrecer un conxunto de amenas narracións escritas con oficio polo ferrolán Alberte G. Aneiros.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.