Parlamento das Letras: Medos Romero

A escrita de Medos Romero é unha anana branca. Gaña en condensación a cada paso, reprégase sobre si mesma libro tras libro, como nun xogo de origami sutil onde o encartado parece non ter fin.

De primeiras andou o verso da paisaxe e a luzada evocadora da infancia ida, pero ben pronto desembocou na poética telúrica, de unción osmótica coa Natureza, ata que a pulsión comprometida do muller que canta foi tramando o texto e xa logo todo foi un urro contra a destrución da nai Terra, do Amor ferido e o paraíso de Somede que quedou atrás para sempre.

As sombras foron gañando terreo ao mesmo tempo que as palabras se espían e a aquel rendear primeiro do Tempo, ese feliz amarse en por si, sucedeunos o peso da derrota, o melancólico lenzo das madrugadas, toda unha seitura dos tristes, un pozo de feridas que non estiña, mapa de corpos imposibles e ausencias eternas que rematan na ansia do lóstrego, a depredación, devastación e aniquilación definitiva da materia e a vida.

Irredutible, senlleira e dorida, a voz de Medos Romero é unha laña que sangra e denuncia, que padece e compadece e procura faíscas de albura por entre as físgoas da noite máis pecha.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Os primeiros textos que publiquei foron varios poemas que apareceron na revista A Xanela, de Betanzos, na primavera de 1997. O outono do 96 é o ano no que eu comezo a escribir dunha forma máis consciente, máis aló dos escritos que todos facemos na adolescencia. Nese momento son unha muller de 37 anos, xa cunha experiencia vital e unha madurez persoal da que se carece na mocidade, e, por outra parte, a miña escritura nace despois dun longo e duro proceso de psicanálise que dá os seus froitos tamén no campo da creatividade como algo natural, espontáneo, sorprendente incluso para min mesma, que nunca me marcara o propósito de ser escritora. Por iso a miña poesía está tan vencellada á dor, porque ten aí unha das súas raíces máis profundas. O caso é que entre o 96 e o 97 escribo xa os dous meus primeiros libros, que saen poema tras poema como quen tira do fío dun nobelo. O primeiro poemario, Ámome en por min, envíollo a Miguel Anxo Fernán Vello, que non me coñece absolutamente de nada, mais que ao pouco tempo me comunica que o vai publicar en Espiral Maior, onde sae finalmente en 1999. E mentres agardo pola publicación dese libro, decido editar, nunha edición de autora, Rendéome no tempo, que se converte no meu primeiro libro publicado, cando en realidade é o meu segundo poemario escrito.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Eu estou moi satisfeita e agradecida da valoración que se fixo de todos os meus libros de poesía. A verdade é que a pesar de que eu non estou encadrada en ningún grupo xeracional, con todo o que iso supón de promoción pública, e a pesar de que pola miña profesión de enfermeira vivo bastante á marxe da actividade cultural, non me podo queixar da atención crítica á miña obra poética. Creo que podo dicir que todas as persoas que escribiron sobre os meus libros nunca o fixeron por amizade, por compromiso ou por débeda comigo, porque, ademais, durante un tempo para todos eses críticos eu era unha escritora descoñecida mesmo fisicamente. Por exemplo, unha das maiores sorpresas que tiven foi atoparme un día cun fermosísimo artigo de Armando Requeixo no que comparaba os meus versos de Lenzo das madrugadas cun “raro licor que cómpre beber a groliños e espaciadamente”. Que fermoso, verdade! E outra sorpresa, naturalmente, foi que me chamaran ao traballo para comunicarme a concesión do Premio Miguel González Garcés. E debo engadir, así mesmo, que sempre atopei a posibilidade de publicar sen dificultade todos os meus libros, que son xa dez títulos co novo poemario, A ansia do lóstrego, que agora está a chegar ás mans dos lectores e das lectoras a través da colección Libros da Frouma, que dirixe Luís Alonso Girgado. Creo que tamén é bo para un escritor que o primeiro lector dos seus textos o teña na propia casa e que sexa sempre moi esixente con todo o que eu fago.

Co que xa non tiven ese grao de satisfacción foi cun dos meus dous libros de narrativa, en concreto co libro O trevo da sorte, que se publicou en Baía Edicións e que pasou totalmente desapercibido sen saber moi ben o porqué, pois é un libro de relatos do que quedei moi satisfeita como escritora.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Eu escribo sempre desde a emoción, desde a vivencia, desde o sentimento, e por tanto non me poño a escribir nunca cun proxecto de libro concreto. Nunca sei realmente de que vou escribir mañá. Sei que necesariamente terá que ver con algo que me impacte nun determinado momento, pola súa beleza, pola indignación que me produza, pola dor que me cause etc. É un saber que está nunha mesma e que non sabes que o sabes. Está en ti, aí, dando voltas durante moito tempo, madurando, elaborándose mentalmente e incluso inconscientemente, e un día, de súpeto, por un motivo ou unha circunstancia que o desencadea, póñome a parir esa emoción, esa vivencia, ese saber, póñome a escribir dun tirón, sen preocuparme inicialmente pola parte máis formal do texto, xa que sempre teño o temor de non ter tempo de recoller toda esa auga que sae dese manancial, desa fonte, pola dificultade de non poder conciliar ese momento creativo coa vida laboral e coa vida social e familiar. Para evitar perder esa idea principal que nun momento me invade, levo sempre comigo un caderno e un bolígrafo, e ultimamente, cando regreso do traballo, mentres conduzo, se teño algunha idea, utilizo a gravadora do móbil.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Para empezar, na única antoloxía na que aparecen os meus versos é na Antoloxía de mulleres poetas do século XX, que realizou Elena Zernova. E xa estou moi contenta de aparecer con todas esas escritoras que figuran nese volume. De calquera xeito, se unha puidese escoller, gustaríalle estar á beira de poetas como Manuel Vilanova, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Pilar Pallarés, Eva Veiga ou Olga Novo, por citar só algúns nomes.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

A terra, a muller, a dor e a beleza son, até este momento, as raíces das que se nutre toda a miña poesía, esta árbore verbal que un día naceu e que vai medrando libro a libro e da que unha nunca sabe que é o que vai quedar co paso do tempo. Lembremos aquilo que dixo Cunqueiro: “Mil anos para un verso son unha mocedá”. En primeiro lugar, a terra, porque aí están as miñas orixes, as orixes da miña xente, e tamén a miña vivencia máis intensa, máis gozosa. É como un río profundo que atravesa toda a miña poética, pola beleza que me transmite, esa beleza da que un día me quedo fascinada e prendida, pola relación de entendemento que manteño coa propia terra, mesmo polo desexo de formar parte desa harmonía natural que me fai espiritualmente tan feliz, pola calma e o sosego que aí atopo, en definitiva, porque non entendo a vida sen ese silencio, sen ese xeito de vida apegado á natureza, que nos fai sentir certamente máis humanos. No meu caso, pois, non hai que buscar influencias noutros poetas, como ás veces se fixo sinalando a pegada nos meus versos da poesía de Novoneyra ou de certa poesía de Manuel María. Non hai nada diso. O que hai é a mesma vivencia diante da propia natureza, sexa no Courel, en Outeiro de Rei ou nas fragas do Eume. Seguramente eu sentín algo moi semellante ao que eses outros poetas sentiron moito antes ca min. Tampouco está neses meus poemas a presenza do erotismo, como ás veces se viu, senón unha relación carnal coa paisaxe, o panteísmo. Mais todo ese amor pola terra vai máis aló da contemplación e do diálogo individual e expresa tamén a miña dor pola agonía e a morte da montaña, pola despoboación do rural e pola desaparición dunha cultura milenaria. Síntome parte dunha tribo que foi colonizada e expulsada do seu paraíso. E tampouco é casual que no meu último libro denuncie o saqueo e o espolio dos recursos naturais que levan a cabo as grandes empresas multinacionais, sempre coa complicidade dos gobernos, en todas as partes do planeta, en toda África, en Latinoamérica ou en calquera parte do noso país, aínda que eu o focalice nesa inmensa cicatriz que Endesa deixou nas Pontes.

Outro dos eixos da miña obra —e non só da poesía— é a situación da muller na sociedade actual, con ese grave problema de que aínda moitos homes se cren donos de nós e non cesan de agredirnos para recordarnos que mellor mortas que libres, independentes e donas dos nosos destinos. Desta miña preocupación naceron dous libros: os relatos que conforman Dubido se matei a Lena e o poemario O pozo da ferida.

Xa me referín anteriormente á dor como o actor principal de toda a miña obra. A dor axudoume a ser unha muller máis forte e máis valente e co tempo sacou o mellor de min, e que ninguén interprete estas palabras como unha apoloxía da dor. É a miña realidade, a miña vivencia persoal.

Finalmente está o tema da beleza, motor necesario e fundamental para existirmos. Esta liña poética plasmouse dunha maneira moi singular no libro Do corpo e a súa ausencia, mais está moi presente ao longo de toda a miña obra poética.

E unha última observación: sen eu pretendelo, a miña voz foi avanzando do territorio máis íntimo ao territorio social. Incluso os títulos dos meus primeiros libros son reveladores desa busca persoal: Rendéome no tempo e Ámome en por min. Posteriormente viñeron os poemas e os relatos que falan xa dunha sociedade concreta e dos seus problemas. Nese sentido, primeiro descubrinme a min mesma a través da escrita e logo profundei nos problemas sociais e do meu propio país.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Desde a adolescencia acompañoume sempre unha edición moi humilde de Follas de herba, de Walt Whitman. Tamén regreso unha e outra vez a La sonrisa etrusca, de José Luis Sampedro, a Marguerite Yourcenar, a Memorias de Adriano, na magnífica tradución que fixo Julio Cortázar e que remata con aquelas fermosísimas palabras sobre a morte: “Todavía un instante miremos juntos las riberas familiares, los objetos que sin duda no volveremos a ver… Tratemos de entrar en la muerte con los ojos abiertos…”. Retorno moitas veces igualmente a Anónimo veneciano, de Giuseppe Berto, e entre os autores galegos talvez a obra máis frecuentada por min é a narrativa de E. Blanco Amor.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Non pasaría absolutamente nada se por calquera circunstancia persoal eu deixo de escribir hoxe mesmo. Afortunadamente hai autoras e autores que xa o dixeron todo e que moi dificilmente poden ser superados. Eu estou moi satisfeita co que escribín e só aspiro a que algún poema meu ou cando menos algún verso acompañe a algúns lectores durante a súa vida como a min me acompañan outros textos.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Os escritores e as escritoras e os editores deberiamos ter como unha das nosas principais preocupacións lograrmos unha literatura viva, que resulte atractiva para os lectores, que non deixe indiferente a ninguén. Iso é fundamental para o futuro da literatura como alimento espiritual do ser humano. A sociedade precisa dos libros para ser libre, mesmo para soñar outro mundo posíbel.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Parlamento das Letras e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Parlamento das Letras: Medos Romero

  1. Carlos di:

    Resultoume moi interesante esta aproximación a Medos Romero, ese vencello entre a análise psicolóxica e a escrita. Creo que a literatura ten como fin revelarnos as mensaxes inconscientes do colectivo.
    Apertas

Os comentarios están pechados.