De bo humor

Ameno e, asemade, informado, o volume O humor en cadriños, de Félix Caballero, é a refrescante proposta editorial de Morgante para os amantes do humor gráfico e a caricatura.

Este libro de entrevistas reúne preto de media ducia de longas conversas con outros tantos dos nosos mellores humoristas gráficos; a saber: Siro López e Xaquín Marín ―representantes desa xeración que refunda esta arte tras a obrigada paréntese da Posguerra e retoma o camiño que antes andaran Castelao, Maside, Cebreiro etc.―, Xosé Lois ‘O Carrabouxo’ ―autor bisagra que enlaza co traballo dos anteriores e anuncia o das ulteriores promocións― e mais Gogue e Pepe Carreiro ―os máis próximos no tempo deste sexteto de referentes indiscutibles.

Caballero propón a cada un deles un extenso cuestionario, co groso das preguntas en común, pero personalizando tamén outros interrogantes para cada caso. O resultado é unha interesantísima conversa estudoso-artista onde este último reflexiona partindo do seu fondo coñecemento de causa e gran saber sobre asuntos tan controvertidos e complexos como a definición do concepto ‘humanismo’, a singularidade humorística dos galegos, a historia do humorismo entre nós, a contribución do humor gráfico á normalización da nosa lingua, o estado de saúde do humor gráfico nos nosos días, a influencia dos avances informáticos á hora da creación nesta disciplina, a censura e acomodación do labor destes artistas aos medios cos que colaboran, o valor das compilacións en volume de traballos aparecidos previamente en prensa, a relación entre o cómic, o humor gráfico e as artes plásticas…

O libro compleméntase cun limiar de Caballero, onde presenta os contidos e o enfoque da obra, e mais unha pequena antoloxía de cadriños de cada un dos autores entrevistados, sen dúbida representativa do seu labor ao longo dun longo período de tempo que, no menor dos casos, supera xa amplamente o cuarto de século.

Máis que apetecible ―¡e recomendable!― lectura este O humor en cadriños con Félix Caballero inquirindo a Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro, unha aposta de Morgante para convencernos de que o horaciano docere et delectare segue máis vivo ca nunca.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.