Para cambiar o mundo, non inutilmente

Dende hai uns anos para esta parte no seo da literatura de noso semella terse producido unha decidida aposta pola que algúns teóricos denominan literatura do eu, ese arquixénero prosístico que inclúe todas as modalidades da escrita nas que a voz enunciadora e o autor empírico sofren unha moi particular fusión; é dicir, aquelas obras que supoñen un tenteo no labirinto do ego feito narración: biografías, autobiografías, dietarios, volumes de memorias, autorretratos e epistolarios, amén dos conexos libros ou diarios de viaxes. Mostra acabada deste tipo de textos é o recente O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, sobranceira achega a ese híbrido do memorialístico-ensaístico que tan adoito anda a burlar as delgadas fronteiras do creativo e o non ficcional.

Significativamente inserido por Edicións Xerais na súa colección Crónica e, dentro dela, na serie Memoria, o máis recente título do escritor compila arredor dunha vintena de textos de moi diversa extensión nos que os recordos da infancia e mais as reflexións sobre o propio proceso escritural constitúen os eixes sobre os que orbita toda a obra.

As dúas moi amplas seccións nas que o libro figura dividido ―a saber: “As paisaxes da memoria” e mais “O oficio de escribir”― artéllanse como unha completísima crónica da raiceira e o camiño andado por Fernández Paz nunha tan longa como venturosa xeira vital. Sabemos, así, dos seus anos de escola, tristes e grises; do pracer redimidor que neles propiciaba a lectura (cómics, narrativa de aventuras e outras herbas); da maxia do Cine Villalbés e mesmo da épica dos peóns de buxo. Mais tamén coñecemos as lecturas benamadas do escritor, os porqués da súas historias, as dificultades a salvar e incluso a defensa da convencionalmente denominada literatura infantoxuvenil fronte a aquelas persoas que tenden a vela como unha creación menor.

Cómpre advertir que este magnífico O rastro que deixamos é, no fundamental, unha compilación de textos memorialísticos e ensaísticos que o autor foi dando a coñecer ao longo dos anos (de 1994 ao 2011) en moi diferentes medios e soportes, tanto convencionais (revistas, xornais, libros colectivos, volumes de actas…) coma alternativos (sobres de azucre, programas de festas), igual escritos (a maioría) que orais (conferencias, relatorios, discursos…), o mesmo en formato papel coma dixital. Secasí, tamén é posible ler algún texto ata o de agora inédito (“O cesto de Beti”) e varios dos xa divulgados sufriron revisións para esta nova edición.

O rastro que deixamos pecha cada un dos dous bloques nos que se estrutura con contos que completan, dalgunha maneira, o sentido e o espírito do contido nesas seccións. Así, na primeira delas, dedicada esencialmente a esa patria que é a infancia, incorporáronse “A mirada de Clara” (2011) e mais Cando nacen as estrelas (2012) e para a segunda sumouse unha nova mostra dos moi celebrados contos por palabras do autor: “Reflexións sobre a precariedade laboral” (2004).

O libro remata cun tan emotivo coma simbólico epílogo de Fernández Paz de título revelador, “O tempo é coma o mar” (2006), ao que debe engadirse un exhaustivo índice onomástico e mais unhas páxinas de coda da responsable da edición, Isabel Soto.

Agustín Fernández Paz ten a convicción fonda de que se escribe para crear un cosmos cos fíos da vida, tamén si, para cambiar esa nosa realidade tan eivada. E porque a lectura ha facer posible ese milagre, ben está que nos abeiremos a este O rastro que deixamos e comecemos, como ensinou o poeta, a cambiar, non inutilmente, o mundo.

[Co título “Pegadas literarias”, no suplemento literario ProTexta, 20, inverno do 20 13]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.