Laurentino do Sur

Remato de ler, con grande agrado, Vigo dende o corazón de Galicia, o volume homenaxe que María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira prepararon para a Editorial Galaxia con motivo do centenario de nacemento do exemplar Francisco Fernández del Riego, a quen van dedicados a totalidade dos traballos deste libro, que tamén recolle algúns textos do escritor e intelectual laurentino.

Tras os saúdas de rigor ―peaxes institucionais tan obrigadas coma perfectamente prescindibles―, as editoras da obra dispoñen unha ampla e documentada cronobiografía na que non faltan as referencias bibliográficas adoitas e grande outro número de informacións complementarias, que axudan a debuxar o currículo de vida deste admirable persoeiro.

Seguen logo dúas ducias de colaboracións de distinta natureza, que se ocupan dos principais socalcos autoriais e profesionais do homenaxeado para completar un volume extenso que se achega ao cento e medio de páxinas con abondosa profusión de material gráfico (fotografías, reprodución de documentos, caricaturas…).

Como acontece adoito neste tipo de publicacións, os diversos artigos que o compoñen amosan desparella proporcionalidade e ambición e, a carón de moi lúcidas e rigorosas aproximacións, hai tamén outros de ocasión nos que os convidados a participar se conforman con testemuñar o seu coñecemento persoal do homenaxeado e, todo o máis, narrar algunha anécdota ou vivencia compartida.

Mais, como adiantei, o libro conta tamén con excelentes achegas e ‘semblanzas’, pero, como ha ser talvez abusivo nomealas todas, conformareime con sinalar aquí tan só algunhas das que espertan para min maior interese, caso dos retratos de Xurxo Martínez González, Xesús Alonso Montero e a súa irmá Ana María Fernández del Riego ou os ensaios de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Víctor Freixanes, María Xosé Queizán e Villanueva Gesteira, aos que habería que sumar aínda a emotiva “Abreviatura para un poema épico” do tamén chorado Xaime Illa Couto coa que se fecha a publicación.

É ben certo que xa se publicaron ao longo destes anos outros volumes nos que a figura de Del Riego fora xustamente visitada, mais non é menor verdade que o excelente labor de coordinación de Cabrera Iglesias e Villanueva Gesteira levou a feliz termo a elaboración dunha obra á altura do homenaxeado, que fica aquí moi dignamente honrado e rememorado entre tantas e tan valiosas contributos, aos que a súa escrita pon o ramo cunha pequena escolma de escritos de temática viguesa que xustifica o patrocinio do concello olívico nesta publicación.

Vigo dende o corazón de Galicia ―impecable na súa materialidade, moi oportuno na súa execución― ofrece unha magnífica oportunidade para aprender do maxisterio vital e humano dun mestre bo e xeneroso como foi Francisco Fernández del Riego, un laurentino anainado polos do Sur que representa unha das trabes de ouro da nosa cultura na última centuria.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 3-2-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.