A vida entre raís

Nada lera de Mario Caneiro quitado algúns relatos seus merecedores de distincións no Certame de Narrativa do Concello de Ames. Tiña del, pois, unha referencia puntual, mais o que puidera albiscar naqueles contos facíame presaxiar bos augurios.

E non me equivoquei. O seu primeiro libro, Homiños, publicado pola editorial Barbantesa, confirmou aquela intuición primeira de estar ante un autor que tiña algo que dicir e sabía como facelo.

Homiños é relato ficcional con evidente transfondo autobiográfico. As vivencias dun grupo de mozos… mellor aínda: as lembranzas dun conxunto de rapaces dos seus anos adolescentes son a materia da que se alimenta a narración destas páxinas. A vida nun barrio do extrarradio ferrolán atravesado polo tren é o escenario propicio para un día a día perfectamente grisallo que, de cando en vez, deixa pasar unha loaira heroica que reconfigura a orde e relacións sociais que entre a rapazada e demais xentes da barriada se dan.

Teselada cunha alternancia de capítulos-entrega que van paralelizando as tramas, as vidas ora tabernarias ora moceiras deste universo tronzado polos raís vainos descubrindo un territorio entregado á derrota e o suicidio aos que os rapaces que por el deambulan loitan por subtraerse.

Narrada cunha prosa neta, liberada de calquera ganga de ornato espurio, Homiños lémbranos que a vida se compón de pequenos grandes instantes eternos, de nimiedades transcendentes e de incoherentes lóxicas de opinables razóns. Unha escola filosófica que nos reconcilia coa nosa imperfección e nos convida a ler para aprehender.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.