Literatura solidaria

O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas é a nova aventura infantoxuvenil de Ramón Caride Ogando, un relato que leva gravados algúns dos que son os seus sinais narrativos máis característicos: intriga, acción e sensibilidade ecolóxica.

Desta volta son catro rapaciños axudados polo singular superheroe que se anuncia no título os responsables de resolver o misterio da sabotaxe ás Burgas que se produce na cidade ourensá. Hai, por tanto, unha radicación moi concreta e procurada deliberadamente, pois esta historia nace a pedimento do Centro Especial de Emprego Aspanas Termal, promovido pola Asociación Aspanas de Ourense, de aí a especial atención a cuestións como a integración social dos discapacitados e a sensibilidade pola riqueza termal e natural, en xeral, que o libro espella.

Libro de valores, pois, que non deixa por iso de se defender na corrección literaria e que pode moi ben ser unha lectura de interese para escolares aos que compete adquirir coñecementos de xeito lúdico e ameno.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.