Silvia Penas faise co I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Na tarde do mércores día 27 de febreiro reuníronse na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela o profesor e estudoso Luís Cochón, a ensaísta e investigadora Mercedes Queixas Zas e o titular deste blog como integrantes do xurado que decidiu o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, coorganizado polo Concello de Fornelos de Montes (municipio natal do escritor que dá nome ao certame) e mais a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, tamén da mesma terra. Coordinou a xuntanza Carmen Carreiro Montero, presidenta da amentada asociación, quen actuou como secretaria do xurado con voz e sen voto.

Logo dunha longa e intensa deliberación, chegouse ao fallo por maioría de votos, pois a calidade dos orixinais presentados —que alcanzaron a nada desprezable cifra de trinta e oito poemarios— fixo que houbese que acudir a sucesivas roldas de votacións ata declarar como gañador o traballo presentado baixo o título “As uñas crecen” e o pseudónimo “Rosa María Paramés”.

Tras a correspondente apertura da plica, a autora deste notable poemario resultou ser Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980), poeta galega que xa conta no seu haber con anteriores distincións en diversos certames e mesmo un libro de versos en coautoría con Elvira Riveiro Tobío titulado Biografía da multitude, volume co que obtivera o Premio Victoriano Taibo na convocatoria de 2009.

Tal como o xurado reflectiu na acta, o poemario de Silvia Penas “propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable, onde a función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaidamente.”

Doutra parte, visto que as bases do concurso prevían a posibilidade de nomear un accésit, o xurado decidiu tamén distinguir como tal a obra presentada baixo o título “Sobol” e o pseudónimo “Difraccións”, recomendando a súa publicación.

A entrega do premio á gañadora levarase a cabo no transcurso dun acto que terá lugar no Concello de Fornelos de Montes a mediados do vindeiro mes de abril.

Pola súa banda, o texto gañador será publicado pola editorial Sotelo Blanco, selo que tamén dá á luz os galardoados do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, convocado este polo Concello do Grove, terra na que viviu durante moitos anos o escritor nado en Fornelos.

Vaia dende aquí a máis leda en hora boa a Silvia Penas e o saúdo agradecido @s restantes participantes, que tan gratos momentos de lectura proporcionaron neste I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.