A seara periodística de Xosé Vázquez Pintor

A estas alturas da película, non serei tan iluso como para pretender descubrirlle a ninguén quen é e cal é a valía literaria de Xosé Vázquez Pintor, aínda que nada máis sexa por respecto a unha longa e intensa traxectoria de máis de corenta anos e unha trintena de títulos narrativos, poéticos, teatrais e ensaísticos.

Agora ben, ao que si me vou atrever é a recomendarlles unha lectura súa: Columnas de papel, o primeiro volume da compilación de boa parte da súa articulística que agora edita Morgante Edicións para gozo dos que dende hai anos apreciamos a palabra sabia e asisada deste melidense criado na Agolada e radicado en Pontevedra.

A vocación xornalística de Vázquez Pintor acompañou dende ben novo. Contando apenas vinte e tres anos comezo a colaborar en El Ideal Gallego cunha sección á que chamou “Cartafol de cousas nosas” e que mantería durante un par de anos. Dende aquela ata hoxe foron varios os medios que acolleron a súa palabra de xeito periódico, como A Nosa Terra (dende a súa fundación en 1977 ata o seu desaparición), Faro de Vigo (1985-1988), La Voz de Galicia (1988-1999), Cadena Ser-Galicia (1994), Televisión do Morrazo (1999-2003)… Pois ben, o máis graúdo desas colaboracións foi recollido polo autor neste Columnas de papel, que leva por aclaratorio subtítulo ‘Escolma de artigos de opinión 1987-2012’ e que figura na presente entrega como ‘Volume I. A lingua e outras vidas 1987-1993’.

Son os que aquí se poñen por xunto, por tanto, artigos publicados fundamentalmente en dous medios: Faro de Vigo (entre febreiro do 1987 e xullo do 1988) e mais La Voz de Galicia (de novembro de 1989 ata xullo de 1993). Un conxunto que suma unha oitentena de textos da máis variada temática que, como non podía ser doutra maneira, van unidos ao cordón umbilical da actualidade social e cultural do tempo no que foron escritos.

A defensa da lingua nosa dende a Terra mesma ata o Parlamento de Estrasburgo; a memoria de escritores como Cunqueiro, Otero Pedrayo, Rosalía ou Blanco Amor; a crónica de exposicións pictóricas de Colmeiro, Acuña, Torres ou Laxeiro; a promoción do teatro galego e as súas compañías; a liberación de Nelson Mandela; a reflexión sobre o ensino e o ‘fracaso escolar’; o afundimento do Casón; o cara outra do París-Dakar; as angueiras e desvelos da realidade dos nosos emigrantes, especialmente a centro e Suramérica; o deporte galego e os seus persoeiros de relevo; as andanzas de líderes como Manuel Fraga ou Xoán Pablo II; a conmemoración do Día das Letras Galegas; o andazo dos barabarismos lingüísticos; os despedimentos de Alúmina-Aluminio; a celebración do Día da Patria; os pasamentos de Gabriel Celaya ou Manuel Lueiro Rey; a demanda dunha reforma normativa de concordia; os roteiros e lugares do seu triángulo das Bermudas sentimental: Melide-Agolada-Cangas; as campañas de profilaxe; as prestidixitacións do Mago Antón; a realidade carceraria galega; o proceso de santificación de Isabel de Castela; o esplendor e decadencia de Samos; a loucura témera da Guerra do Golfo; a homenaxe a grandes da nosa escena como Maruxa Villanueva ou Fernando Iglesias-Tacholas; as feiras nosas de toda parte; a problemática da superprodución láctea galega; os exabruptos de Gea Escolano; a situación dos refuxiados políticos; a concesión do nobel da paz a Rigoberta Menchu; a loita ecoloxista de Greenpeace; o libre albedrío eutanásico de Ramón Sampedro e aínda o canto do cuco son outros tantos temas que poden lerse nestas páxinas, salpementadas por unha prosa lírica de finísimo orlado, un encaixe de venturosas anécdotas e fondos coñecementos documentais que se desprega na lectura grácil, como nube de palabras á que un non pode deixar de contemplar.

Por remate, e se mo permiten, unicamente quixera sinalar dous aruxiños que moi doadamente poderían salvarse para futuras entregas e que non sei ata que punto son achacables ao autor ou a editora: este magnífico Columnas de papel non ten índice ningún. E cando escribo ningún quero dicir que os textos van corridos e non hai modo de procuralos polo sistema título-páxina. Coido que un libro tan interesante e variado, que reúne un número tan considerable de textos ben merece un indiciño que guíe o lector. Tamén si, non lle viría nada pero que nada mal un outro índice de nomes citados, visto que suxerir outros de temas ou lugares amentados seguramente ha parecer excesivo, aínda que con eles moito gañaría a obra, que tal como se presenta se fai inconsultable, agás para devotos do autor aos que non lles importe andar pasando as páxinas para atrás e para adiante de cada vez ata que dean co texto ou a pasaxe procurados.

Achega de mérito, a non dubidalo, estas Columnas de papel de Xosé Vázquez Pintor, ensaios breves nos que o vigor do pensamento e a elegancia da escrita mocean en feliz idilio para regalarnos un valioso volume que ve luz mercé aos bos oficios de Morgante Editora.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 25-3-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.