Na entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.

E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.

As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.

Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.

A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.

Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.

Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.

Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.

Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.

Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.

Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.