Sobre o humorismo galego

Que Galicia é pobo onde o humorismo é cuestión máis que principal é indiscutible. Humoristas profesionais da caricatura, da escrita ou das performances hainos entre nós en abundancia porque tamén se dan, en idéntica proporción, entre as xentes do común.

Por tanto, é explicable que este fenómeno suscite por súa vez reflexión teórica e que, de cando en cando, xurda algún estudoso que se debruce sobre este fenómeno que nos singulariza como comunidade. Iso é o que dá razón a unha obra como O segredo do humor (1963), de Celestino Fernández de la Vega, ensaio de incomparable fondura filosófica que pasa por ser unha referencia inescusable na materia a nivel mundial.

No ronsel daquel gran traballo do lugués publica agora Félix Caballero O humor galego alén da retranca, monografía que aparece na colección Mudanzas de Morgante Edicións, no que se aborda un moi completo repaso ás principais cuestións relativas a este tema, que son revisitadas cunha ollada analítica actualizadora.

O cento longo de páxinas deste volume figura dividido en diferentes seccións, onde se dilucidan extremos esenciais sobre o humorismo como a súa definición, a súa concreción galega, a influencia que sobre do noso humorismo está a ter a globalización, a presenza do humorístico na TVG ou a proxección do noso xenuíno modo de entender o humor polo mundo adiante.

Caballero, apoiado en numerosas fontes bibliográficas e mesmo en testemuñas directas obtidas a través de entrevistas a destacados humoristas e activos do teatro de noso, vai explicando con acuidade a diferenza entre o humor e o humorismo, aclarando que este último procura o sorriso e non o riso, máis propio do primeiro, pois o humorismo ten un pouso sentimental que o humor, máis friamente intelectivo, non comparte. E é que o humorista é compasivo, comprensivo co mundo que o rodea e cos demais, é un relativista puro e sérvese do humorismo como actitude salvífica ante a desesperación que o rodea e, sobre todo, como método de (auto)defensa e de prospección metafisica do existente sen descoidar o que de lirismo nel vai.

Para o caso galego, cómpre salientar a gran cantidade de humoristas que entre nós se deu de sempre en eidos como a caricatura ou a literatura. Tal notoria presenza faille preguntarse a Caballero se o humorismo é ou non unha calidade distintiva do espírito galego, recuncando no vello debate entre esencialistas (etnicistas ou historicistas) e circunstancialistas, no que parece inclinarse por unha visión híbrida que, deixando a un lado o racial, ten presente cuestións históricas que definen a nosa circunstancia vivencial constitutiva.

Amais do exposto, este amplo ensaio ocúpase así mesmo de cuestións de tanto relevo como a concreción do humorístico galego en catro estadios: a retranca (defensiva), o trasacordo (tamén defensivo), a sorna (defensiva e asemade relativamente ofensiva) e a rexouba (expansiva e máis ou menos ofensiva). Alén diso, téndense tamén redes comparativas entre o noso humorismo e o irlandés ou o inglés para establecer entre eles marcadas diferenzas e resérvanse capítulos para a aculturadora globalización que está a padecer o noso humorismo nos tempos actuais e o particular desenvolvemento que este tivo en sitcoms televisivas (Pratos combinados, Mareas vivas, Libro de familia, Padre Casares) e certas parellas cómicas (Os Tonechos, Mucha e Nucha), rematando por preguntarse se o humorismo galego influíu no dos pobos aos que emigrou.

O humor galego alén da retranca é un título que ofrece unha revisión integral da cuestión humorística galega, moi ben documentado e redactado de maneira amena, onde quen quixer achará resposta ás máis frecuentes interrogantes que sobre desta esencial cuestión adoitan agromar. Que quen asine estas páxinas sexa, amais, un logroñés que leva de segundo apelido Wangüemert, non deixa de ser, tamén si, unha máis que retranqueira chiscadela de ollo do destino. E el vai resultar verdade aquilo de que, ao final, son os que nos ollan dende certa distancia os que son capaces de vernos con maior e mellor acerto.

[Publicado no xornal dixital Praza Pública, 1-4-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Sobre o humorismo galego

  1. Boas tardes

    Quero aproveitar a ocasión, para darlle a en hora boa a Armando Requeixo e o seu proxecto “Criticalia”, polas máis de 100.000 visitas colleitadas. En pouco máis de dous anos este blog converteuse en todo un referente, e se iso é así, débese ao excepcional traballo de Armando.

    Espero poder entrar en “Criticalia” durante moitos máis anos, e ver como esta casa nos segue ofrecendo un rigoroso e profesional traballo.

    Unha aperta.

Os comentarios están pechados.