Deriva sistémica

O sistema literario galego leva un tempo a acelerar a súa reordenación. As liñas de forza, os espazos de proxección que para el se abriron en décadas recentes van reconfigurándose a ollos vista.

O talento d@s creador@s parece resistir no relevo xeracional, pero os estímulos para materializar a súa arte reben. Da súa parte, as editoras acusan a paupérrima atención institucional pola escrita en galego, o que mingua as posibilidades da oferta. Tamén si, os medios radiotelevisivos e xornalísticos reducen os espazos para a mediación, co que ao lectorado cada vez lle resulta máis complicado informarse do que se coce nunha literatura pola que ben pouco se mira fóra dos círculos educativos e aínda nestes asegún.

Coido que neste estado de cousas a deflación gobernativa ten producido unha erosión innegable, retrotraéndonos a un estado involutivo que nos catapultou vinte ou máis anos atrás por mor da abrasiva campaña de redimensionado sociolingüístico que loita por se impor por decreto.

Pero somos unha literatura milenaria e temos librado moitas outras batallas, non menos agónicas. As múltiples presentacións de obras literarias por toda parte, o revival dos recitais, os millenta clubs de lectura espallados polo país, o xurdimento de moitos pequenos selos independentes, o éxito de convocatorias como o Culturgal e o Salón do Libro ou a instalación poderosa nas landas virtuais son outros tantos vieiros nos que a resistencia mohicana da nosa literatura se afana, furando as tebras na procura de futuras loairas que teñen de chegar.

[Publicado no semanario Sermos Galiza, 43, 19-4-2013]

Esta entrada foi publicada en Derivas, Literatura galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.