A igualdade sempre conta

Hai iniciativas literarias que, alén do valor intrínseco dos textos, merecen publicitarse polo que achegan de positivo á sociedade do tempo que os ve agromar. É este o caso da loable colección A Igualdade Conta, das ferroláns Edicións Embora, que ten xa no mercado media ducia de interesantes títulos nos que a educación en valores casa, idealmente, coa amenidade nas historias e a orixinalidade nas ilustracións.

Ven luz agora tres novas entregas da serie, nas que a pegada integradora, antidiscriminatoria e socializadora se fai evidente da man dos relatos de Cristina Justo e Paloma Rodríguez e as imaxes de Špela Trobec.

En Iriña bailarina o tema central non é outro que o da igualdade xenérica e a loita contra a distinción nos oficios e dedicacións (noutras palabras: o sexismo laboral e os roles preasignados). A través das reflexións dunha bailarina de caixa de música que decide intercambiarse cos bonecos dun futbolín e aínda cos parruliños de goma da bañeira exemplifícase, parabolicamente, a necesaria igualación ocupacional que quere transmitirse ao lectorado non autónomo e primeir@s lector@s ao que van dirixidos estes álbums ilustrados.

Do mesmo xeito, en Teño dúas casas é a normalidade das familias de proxenitor@s divorciad@s/separad@s a que quere potenciarse, tentando aprenderlle ás crianzas que, lonxe de constituír esta separación un problema, tal realidade pode moi ben ser unha positiva fonte de experiencias vitais.

Por último, Canto te quero, profe! é todo un alegado dignificador do oficio de docente, pois nel o agradecemento e consideración afectuosa d@s nos@s ensinantes trama un texto inzado de tenrura e comprensión.

Máis alá da estimanza da escrita de Rodríguez e Justo, quero salientar, moi especialmente, as magníficas ilustracións ideadas por Trobec para estes volumes, toda unha delicia para a vista e moi atractivas para o lectorado ao que se destinan, pois non en van destacan pola variedade nas técnicas empregadas e a xenerosa paleta de cores que as adornan.

Merecente de atención e lectura, por tanto, esta colección A Igualdade Conta, atinada proposta de sensibilización formativa a través da escrita para @s máis nov@s, todo un acerto tanto das autoras coma de Edicións Embora, quen demostra coa mesma que a calidade bibliográfica e a capacidade solidaria de intervención social non só son compatibles, senón mesmo estupendas compañeiras de aventura literaria.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.