Deriva letrega

Un ano máis conmemoramos o día grande da nosa escrita. É certo que a celebración do Día das Letras singularízanos culturalmente como galegos. Mais non somos os únicos en festexar a través dunha efeméride a literatura e a lingua dun pais.

Dublín, por exemplo, convértese nunha festa cada 16 de xuño, día no que transcorre a acción protagonizada por Leopold Bloom no famoso Ulises de Joyce. Dende 1954, as rúas da capital irlandesa énchense ese día de miles de cidadáns que realizan o periplo e as aventuras levadas a cabo por Bloom na novela, demostrando así que a literatura tamén fai pobo.

Os seus irmáns escoceses celebran cada ano a Burns Night ou Burns Supper, na que lembran a vida e a obra do seu grande poeta nacional, Robert Burns. Durante esa noite de celebración, as familias escocesas comparten unha cea na que comen o tradicional haggis (un embutido a base de carne de cordeiro) e beben whisky namentres len poemas de Burns.

En Cataluña é tradición que cada ano pola Diada de Sant Jordi os namorados intercambien libros e flores. Rosas vermellas para elas, en lembranza do sangue do dragón morto polo santo, e libros para eles como afirmación inequívoca da súa cultura nacional.

Non somos, pois, tan diferentes, tan singulares. Somos si, menos hábiles para tirar o mellor da nosa celebración nacional, pois empeñámonos en facer festivo un día que, se se compara co que acontece nos outros casos aludidos, non tiña por que vivirse así. ¿Que conseguimos facendo do Día das Letras un festivo? Os que defenden que así sexa argumentan que a celebración toma carácter solemne, que é un logro da cidadanía ter elevado con ese festivo a categoría da celebración. Mais, reflexionemos unha miga sobre isto: ¿realmente pensan os responsables da conmemoración que a cidadanía vive máis o espírito desta designándoo festivo? ¿Paráronse algunha vez a observar as recuas de coches que, cando a mediados de maio vai xa bo tempo, desfilan dende ou cara ás nosas praias aproveitando o festivo ou que marchan de minivacacións con tal motivo esquecendo todo o que cheire a lectura nin cultura do país? ¿Parécelles que alí, deitadiños na praia ou de vacacións por fóra, len o/a autor/a homenaxeado/a? ¿Acaso levan unha televisión portátil ao areal ou procuran na TDT do hotel para ver en directo a retransmisión institucional dos fastos da RAG? E se chove, ¿pensan que as cafeterías van ficar desertas porque á nosa xente lle ataca nestes casos un súpeto tremor que os impulsa a marchar para a casa e ler coma posesos ou conectar coa TVG para non perder detalle do documental adoito sobre o/a homenaxeado no canto de ocupar o tempo camiñando polo paseo marítimo ou a praza maior do lugar?

Temos moito que aprender. ¿Por que non un Día das Letras hábil no que escolarmente se poida conmemorar a data e que, amais, se acompañase de neotradicións de agasallos literarios que moito ben lle farían ás mentes da nosa cidadanía e, a que negalo, tamén á subsistencia das nosas editoras e, o que é máis importante, á difusión e popularización da escrita dos/as nosos/as creadores/as?

Non imos ben. O Día das Letras toma trazas de, en certos ámbitos máis informados, terse anquilosado como un ritual vacuo e, noutros máis masivos e alleos ao circuíto literario, ser considerado como unha festividade que en nada se diferencia do Día da Inmaculada Concepción ou a Asunción da Virxe, tamén festivos.

Convén reflexionar. E actuar. Hai que socializar a efeméride máis alá das escolas. Non vaia ser que, non dentro de moito, acabemos tendo que celebrar o Día das Letras Póstumas do idioma que foi e xa non será.

Esta entrada foi publicada en Derivas, Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Deriva letrega

  1. An di:

    Pois non sei que responderche. Antes non era lectivo… Eu lembro celebralo cando andaba en EXB… pero non estou seguro se era a véspera ou o mesmo día. Apertas e, sexa como sexa, ledo día.

    • Ola An. A ver: o decisivo, coido eu, non é ‘exactamente’ cando se celebre nos centros educativos (está claro que, cando ti e mais eu fixemos EXB, se caía en domingo, tampouco era laborable). O importante, penso, é que, ademais de nos centros educativos (onde xa se celebra e está, digamos, máis ou menos conseguida a socialización da efeméride), tamén no resto do tecido social se asuma proactivamente o que representa ese día e a iso, An, coido que non lle axuda nada facelo festivo e non intentar nada máis. An: ¿a ti paréceche normal que, no Día das Letras Galegas, non poidamos mercar nunha librería? ¿Cres que estamos mellor na casa que compartindo na rúa o espírito da celebración con actos culturais verdadeiramente populares? ¿Opinas que é ‘normal’ ter que ir a unha manifestación o Día das Letras Galegas? ¿Non che parece que algo non funciona? ¿Verías ‘normal’ que, poño por caso, o Día da Constitución nos manifestásemos reinvindicando máis convivencia constitucional? ¿Non che parecería entón que algo estaría a ‘fallar’ no estado constitucional? E un último dato: coa crise que temos en riba, este ano no San Jordi bateron récords de venda, tamén de literatura catalá. Pero claro, nós somos ‘diferentes’, tanto que iso nos impide importar o que outros aprenderon a facer ben. É mellor deixar todo como está e, des que haxa morto, irlle ao enterro e lamentarnos pola súa perda.

Os comentarios están pechados.