Asombrados con Novoneyra

Contrariamente ao que algúns cren, a obra dos clásicos non se esgota, non se dixo todo sobre eles nin se remataron as vías de asedio e revisitación da súa produción. Os novos tempos traen sempre vías novas e dende ese ollar complementario e renovado os ángulos mortos, as zonas de transición e aínda os reflexos máis fulgurantes adquiren tamén significación outra e diversa.

Así acontece na publicación do audiolibro O asombro, primeiro dos produtos da Fundación Uxío Novoneyra que ve a luz e que inaugura, ao tempo, a serie Libros do Vento da colección Valumbo, impresa por Alvarellos SL co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

O asombro é unha produción sonora asinada polo Grupo Fantoches Baj, que puxo voz, música e efectos a textos poéticos de Uxío Novoneyra e mais a declaracións súas extractadas dunha longa conversa que mantivera con Emilio Araúxo. O resultado é a impresión dun volume acompañado dun CD no que a composición do texto, a voz e as ilustracións correron a cargo de Inacio Vilariño e a parte musical foi responsabilidade de Benxa Otero, encargándose a propia Elva Rey do asesoramento lingüístico e Álvaro Negro, Niko Alvarellos e mais o amentado Inacio do concepto e deseño editorial.

Deste xeito, os versos de Os eidos, Do Courel a Compostela, Tempo de elexía e Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras déixanse oír precedidos dos do Díaz Castro de “Penélope” e vístense coas performances a corno inglés, guitarra eléctrica, loop station a canda a voz vibrante e poderosa dun Inacio que envolve a palabra de Novoneyra en agullas de conciencia que van da afirmación telúrica courelá ata o “Vietnam canto”, pasando pola lembranza dos masacrados da nosa guerra en “Romance de Manoel de Ribadaira”.

A todo o anterior vén sumarse a exquisitez gráfica desta edición, impresa a dúas tintas (vermello e negro) con fotografías de espectáculo actoral que recolle o audiolibro e ilustracións alusivas ao contido dos poemas.

A publicación fixo coincidir deliberadamente a súa saída do prelo co 10 de marzo, data na que se conmemora o asasinato dos obreiros da Bazán Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García, lembrados por Novoneyra nun seu poema: “Erguéstesvos cedo aquel día/ o costumbre do traballo/ mañá cediño pra facernos ca vosa morte”. Fica patente, pois, o ton reivindicativo e comprometido deste repaso á poética do gran cantor do Courel, que neste audiolibro volve a nós máis sonoro e intenso que nunca mercé ao óptimo labor da fundación que leva o seu nome e que agora nos devolve a súa memoria para O asombro de tod@s.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 12-5-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Asombrados con Novoneyra

  1. Aquí en formato electrónico (ebook)
    https://itunes.apple.com/es/book/o-asombro/id630828982?mt=11

    Graciñas pola crítica. Fáisnos mui felices Armando.

    Apertas

Os comentarios están pechados.