Apoteose da retrónica

Teño dito nalgunha ocasión que en Carlos Solla temos un dos poetas satíricos máis brillantes desta hora. Calquera que se tome a molestia de frecuentar títulos como Cerdedo in the Voyager  (2004), Pan prós crocodilos (2009), MazinGZ (2011) ou Holocausto Zacoe (2011) comprobará rapidamente a veracidade deste aserto.

Mais se hai un título no que esta súa vea ácida e corrosivamente crítica se ve compendiada ese é reGaliza e outras chuches, volume aparecido por vez primeira hai un lustro agora reeditado e aumentado nunha nova impresión do selo cangués Barbantesa.

reGaliza e outras chuches é, como anuncia o seu subtítulo, a “apoteose da retrónica”, un dicir xenuíno, distintivo de noso, que abala entre o humorismo e a ironía (no sentido preciso que a ambos termos dá Félix Caballero) e que subverte a visión acomodaticia e inxenua do real para, baixo o filtro descarnado do paródico, lañar ao vivo as nosas incongruencias, miserias e absurdos como individuos e como pobo (“Ne-potes e pucheirazos”, “No conto electoral debérase facer diferenza entre votos e exvotos”, “Na Xunta, o carto ten o adival e mais a aguillada”, “Superheroe facha: Carcamán”).

Dende o retórico reGaliza e outras chuches é un portentoso exercicio expresivo no que conviven diáforas con antanaclases, xogos de palabras e aequivocatios, diloxismos e figuras plurívocas varias que fan desta imaxinería poética un artefacto ou mecano de asombrosa complexidade e, ao tempo, grande capacidade suxestiva (“No núcleo celular vese cromo-somos”, “Melancólicos anónimos”, “Economía agroprecaria”, “Días da semana: segunda, terza, corta, quinta, sexta, marcha atrás e punto morto” “Cadea perpetua./ Cando espertou,/ Monterroso aínda estaba alí”).

Xenericamente este libro é tamén un produto mestizo, onde conviven o poema visual e a aforística, o poema definitorio e o slogan versal, creando un territorio de deliberada indefinición que se resiste a simplismos taxanomicos.

Doutra parte, tal variabilidade formulística explícase tamén pola singular concepción do volume, que ten unha natureza nidiamente compilatoria, pois subsume no seu interior varios títulos previos que se deran a coñecer no seu día por separado; a saber: Ras e tritongos (2003), Arroaz con chícharos (2009) e a serie que dá nome ao conxunto.

O malabar léxico e comunicacional no que se move aquí Solla emparéntao naturalmente con outras vías experimentais ensaiadas en obras como, poño por caso, Elucidario (1999) de Gonzalo Navaza, Abelcebú (2010) de Carlos Negro ou Do G ao Z (2012) de Manuel Veiga, todos eles nunha mesma vía de expresión carnavalesca, subversiva e cuestionadora da realidade a través dun ludismo incisivo.

Os enxeños verbais que atesoura este reGaliza e outras chuches son a destilación de fluídos de corrosión témera, ardidas alquimias da palabra por veces paragregueriadas, outras abertamente líricas, mais sempre irreverentes e armadas de aguzado ferrete que convén ler e reler.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 2-6-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.