Fiando nas palabras

Se tivese que salientar dúas virtudes como escritor de Xosé Amancio Liñares Giraut non dubidaría nin un segundo: laboriosidade e versatilidade. Para xustificar o primeiro non cómpre máis que lembrar que, como autor ou coautor, ten asinado máis dunha trintena de libros dos máis variados temas: históricos, agrarios, biográficos, turísticos, literarios… Para contrastar o segundo abondaría con recordar que o escritor de Negreira, aínda que catedrático docente de Xeografía e Historia, tamén se emprega ocasionalmente na confección de versos e mesmo ten ensaiado de xeito puntual a arte do relato (velaí, poño por caso, os seus éxitos no Concurso de Narracións Curtas Modesto R. Figueiredo).

Porén, é nos eidos do ensaio onde Liñares Giraut ten gañado sona como estudoso de referencia en diversos asuntos. E non debe esquecerse aquí tampouco que o nicrariense leva desenvolvendo un labor intenso como columnista na prensa escrita dende hai ben tempo, sobre todo dende as páxinas da edición santiaguesa de La Voz de Galicia na última década.

Pois ben, unha mostra ampla (máis de douscentos textos) e ben representativa (abrangue moi diferentes temáticas tanto de alento histórico coma de evidente actualidade) destas angueiras periodísticas de Liñares Giraut é a que pode lerse no volume compilatorio O fiadeiro, último ―e agardamos que non derradeiro― dos títulos publicado por 3C3 Editores, nesta ocasión precedido dun acaído prólogo asinado por Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Compostela.

Canto aos traballos propiamente ditos (publicados no xornal entre o 2001 e o 2012), un poderá atopar tanto artigos de opinión coma pequenas crónicas, igual evocacións de persoeiros ou efemérides coma apuntamentos de lectura ou pequenas recensións. Iso si, en todos e cada un dos textos impera a brevidade, a tiranía dos caracteres á que obriga o sempre exiguo espazo reservado aos colaboradores nos medios de comunicación.

Así, en apenas mil cincocentos caracteres (escasas vinte ou vinte e cinco liñas de xornal), Liñares Giraut vai debullando os froitos da Historia ―con maiúsculas― e as historias (ou intrahistorias) da Barcala e non só, mais tamén escritos varios sobre literatura, pedagoxía, deporte, teatro, etnografía, arquitectura, emigración, relixión, lingua, empresa, economía, infraestruturas e mil e unha máis.

Acompañan este O fiadeiro (simbólico título onde os haxa) algunhas instantáneas alusivas aos textos da autoría de Paco Rodríguez, fotógrafo da mesma empresa xornalística na que viron luz este monllo de prosas escritas coa transparencia e precisión dun didacta e investigador ao que lle prestan as luzadas líricas para regalarnos o seu xuízo sobre o cambiante mundo que compartimos.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 9-6-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.