De Roberto a Roberto

No ronsel posletrego chego á lectura do moi interesante Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, do estudoso e profesor da Escola Superior de Arte Dramática Roberto Pascual (O Carballiño, 1981), unha das voces máis autorizadas no campo da historiografía e a teoría dramática e escénica galegas.

A presente monografía concilia a análise da produción teatral e a peripecia vital de Vidal Bolaño cunha escolma mínima pero representativa das súas pezas. No primeiro destes bloques repásanse as súas etapas como director e factótum dos grupos Antroido e Teatro do Aquí, así como os traballos máis bufonescos ―no máis nobre sentido da palabra―, a súa dedicación á escenografía e o labor de dirección.

Agora ben, o ensaio de Pascual salienta pola acuidade coa que contextualiza a súa andaina autorial, non rexeitando a revisión de episodios espiñentos na súa traxectoria (velaí as polémicas habidas con Agasallo de sombras ou As actas escuras), así como pola lucidez coa que conecta as súas creacións coas doutros autores e teóricos galegos e foráneos.

Particularmente agradecida resulta, polo menos para o que isto escribe, a inclusión no volume dun capítulo centrado en “O oficio da crítica”, unha angueira bolañesa á que ben poucos teñen prestado atención e que revela ata que punto o santiagués era un creador total, perfectamente consciente da transcendencia e importancia de todos e cada un dos elos do circuíto cultural.

Os treitos aquí antologados de Ledaíñas pola morte do Meco, Criaturas, A burla do galo, Doentes e Animaliños son un xeitoso mostrario do global da súa produción, pois abranguen épocas diversas e complementarias da escrita bolañesa, con ambientacións, temáticas e fórmulas igualmente contrastivas.

Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro é un deses libros que ofrecen ben máis do que prometen: lucidez reflexiva, capacidade sintética e didáctica xunto a amenidade expositiva e rigor no dato histórico e o pormenor sistémico. Xa que logo, outra monografía de valor que nos deixa Roberto Pascual, facéndonos máis accesible ao seu inmenso tocaio.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual, Teatro galego e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.