Lovecraft en Compostela

Quero hoxe dar noticia dun escritor novel. Un ficcionador novel en libro, refírome, pois, se ben é certo que algúns contos seus xa foran publicados en obras colectivas, nunca antes imprentara obra exenta de seu. E tampouco pode dicirse que Tomás González Ahola (nacido en 1981 e licenciado en Filoloxía Clásica pola USC) sexa un neófito no circuíto literario, pois leva anos dedicado ao esforzado e non sempre ben recoñecido labor da tradución e, grazas aos seus notorios oficios, hoxe podemos ler en galego autores dos que nunca nada antes se vertera ao noso idioma, como Arto Paasilinna, William Hope Hodgson, T. W. Higginson, Abraham Merritt ou Edward Bellamy, entre outros.

Ultimamente uniu a esta intensa carreira como tradutor a faceta de editor, corresponsabilizándose de Urco Editora, selo santiagués que é, hoxe por hoxe, o mellor referente da literatura gótica, fantástica e de ciencia ficción entre nós.

Pois ben, González Ahola suma a todo o anterior a súa estrea como novelista mercé ao título Galiza mutante. Poder nuclear! A primeira vez que tiven noticia deste proxecto foi vai para dous anos, a través da revista Contos Estraños, onde o autor dera a coñecer un relato que está na base deste seu primeiro libro, publicado na casa que el mesmo codirixe.

Ideada como unha alegoría postapocalíptica, a narración de González Ahola hibrida a historia recente de noso cunha longa restra de homenaxes a grandes escritores da tradición fantástica e de terror para recrear unha Galicia futura na que un culto de ultratumba e demoníaco conecta cunha sociedade alienada, adoradora dunha moi singular momia: Fragal, nunha evidente alusión que dá a clave socioideolóxica interpretativa de todo o relato.

Dende o estilístico, a corrección de González Ahola vese balizada polas moi notorias pegadas dos mestres do xénero, nos que o autor bebeu con proveito. Imposible resumir nunhas cantas liñas as moitas influencias detectables, que van dende Edgar Allan Poe ata J. R. Tolkien pasando por Robert E. Howard.

Agora ben, se houbese que sinalar un referente omnipresente neste Galiza mutante. Poder nuclear! este sería, con certeza, H. P. Lovecraft e, particularmente, a súa saga dos Mitos de Chtulhu, na que enraíza a Cmph’sthulhu arredor da cal transcorre toda a acción do texto de González Ahola.

Amena e de trepidante trama, o mellor desta novela reside, ao meu ver, no cuestionamento das dinámicas sociais, a estratificación das súas clases e a articulación entre o fenómeno relixioso e o Poder, pois estas páxinas, sen abandonar en ningún momento a pulsión da súa intriga, saben tamén indagar no conflito dos seres en sociedade, o que proporciona a Galiza mutante. Poder nuclear! certa elevación literaria que a soergue respecto da prosa de pura vertixe aventureira.

Imaxinación, misterio e reflexión é o que ofrece esta primeira incursión novelística de Tomás González Ahola, parente natural daquel tema dos GalegoZ titulado “Apocalipse agora” e que moi ben podería ser a banda sonora de tan faiscante trama.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 16-6-2013]

                               

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.