Poética en stock

Lectura refrescante e nada convencional, o Outlet. Versos en stock do polifacético artista Juan Carballo (Basauri, 1981) é un dos proxectos literarios crowdfoundeados máis interesantes dos últimos meses.

As dúas ducias exactas de composicións recollidas neste breve poemario van antecedidas por un fugaz poema prólogo “A modo de limiar”, no que se revela toda unha declaración de intencións que explica e dá sentido ao libro:

Estou canso,
moi canso.
Canso de editores
que me engalanan
co meu futuro prometedor.
Chamádeme inxenuo.
Antes de rematar
en calquera caixón,
xulgado,
nun outlet de libros,
espido,
prefiro quitarme
eu mesmo o valor.

Por descontado, esta chegada á luz impresa de Outlet non só non desvaloriza, senón que confirma o interese dunha voz poética como a de Carballo, de todo menos previsible e, antes nada, descridamente humorada.

Hai neste libro amor e desamor, situacións aparentemente convencionais que se redefinen á luz do irónico inesperado e doses inxentes de retranca desacralizadora que vernizan unha poesía postexperiencial de aparente inxenuidade e fonda mensaxe.

Moi hábil no engaste estrutural que anela título e corpo do poema, Carballo non cede nin un milímetro ao melodrama lacrimóxeno dos desencontros amorosos. Todo o contrario, hai nel unha iconoclastia connatural que desemboca no acedume propio dun rapsoda urbano na procura do seu lugar na xungla social.

Quen sabe a fortuna que arrastrará tras si este Outlet. Mais un quixera que se reverterse a situación que describe “Pasado de moda”:

Aínda que teño
un certo prestixio,
unhas veces,
a miña escrita
madura en escaparates,
outras,
nin me coñecen
nas librarías da miña vila.

A escrita de Juan Carballo agradará aos que anden na busca dunha alternativa aos discursos solemnes e consagrados. Unha airexa de ar novo que confirma o bo sabor de boca dos anteriores Na miña fiestra (2006), Elaborando o meu delirio (2007), A casa do poeta (2009) e o moi ben recibido A máquina do tempo (2012).

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.