Rosalía pirata

Máis que agradable o saibo que deixa no padal ―e no oído!― Rosalía pequeniña o libro-cd que Sonárbore de Galaxia edita cos temas nos que Uxía Senlle regresou á incomparable Rosalía.

Oito poemas de Cantares gallegos, o célebre “A Rosalía” de Curros nunha nova versión a partir da célebre de Batallán e mais un tema propio no que, a partir de sintagmas e versos ben coñecidos da poeta, Uxía compón a canción que dá título ao álbum. Velaí a moi vizosa colleita deste traballo que se edita coa reprodución íntegra dos textos musicados e o acompañamento en ilustracións a toda plana dos debuxos de Marina Seoane.

A nosa música máis tradicional (muiñeiras, chascarraschás, alboradas, maios…) mestúrase aquí con ritmos caribeños e outras melodías (valses, blues…) nunha mestizaxe vizosísima que moito presta ao conxunto.

Mais Rosalía pequeniña é un libro-cd plausible non só por todo apuntado, senón porque, xunto á voz aveludada de Uxía, comparecen tamén nos diferentes temas Jara Ortiz, Ana Senlle, Chus Domínguez, Aline Frazão e ata Guadi Galego e mais Sés. Tod@s el@s ―e aínda as voces infantís de Samira Remuiñán, a grave e senecta da señora Carmen ou o recitar da poeta Rosalía Fernández Rial― locen vocalmente grazas á música de Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Adrián Solla, Pablo Seoane, Benxa Otero, Raquel Domínguez, Sandra Tamayo, Patricia Gamallo, Arantza Alfaia, Gustavo Domínguez, Anxo Pardo, Abilio Santos, Lorenzo Suárez e, en xeral, as xentes de Habelas Hainas e, sobre todo, Sérgio Tannus, que xunto á mesma Uxía son os principais responsables da parte musical deste proxecto.

Por descontado, as letras que serven de base son algúns dos máis soados e admirados poemas da Rosalía dos Cantares gallegos, así que a súa excelencia está máis que asegurada. Deste xeito, “Como chove miudiño”, “Xan”, “Has de cantar”, “Paseniño”, “Falares de amor”, “Miña Santiña, miña santasa”, “Alborada”, “Maio longo”, “A grasia non era moita” son títulos que transparentan nidiamente os versos rosalianos que os sustentan, aquí reforzados xenericamente con algunha licenza que, lonxe de renxer, acae ben ao espírito (proto)feminista que anima o xeral da obra rosaliana, o mesmo no que incide a novelista Begoña Caamaño no breve pero emotivo limiar que acompaña esta edición.

O resultado de toda esta feliz conxunción de voces, textos, músicas e imaxes é este Rosalía pequeniña no que se contan algúns temas verdadeiramente logrados. Neste sentido, non quero deixar de recomendarlles que escoiten o blues a dúas voces de Sés e Uxía en “A grasia non era moita”, a delicadeza soñadora de “Rosalía pequeniña” ―con esa Rosalía nena pirata que tanto ben fai para acabar con certos tópicos sobre a autora― ou “Como chove miudiño”, a moi grata e melódica “Miña Santiña, miña santasa” e, por riba de todo, “Paseniño”, unha canción redonda que consegue algo que moi poucas veces se logre: que un a escoite visualizando todo un mundo, ata o punto de que, por veces, Rosalía semella encarnar nos acordes de Uxía, entrañando esa paisaxe da ánima de tal xeito que, debo confesalo, non serei capaz de volver ler nunca máis eses versos de poeta sen oílos na voz da de Mos.

Sexan parabéns para Uxía, @s músic@s e cantantes que a acompañaron nesta aventura e, tamén si, para Sonárbore de Galaxia que confirma con esta nova publicación as boas sensacións que xa deixara co anterior Maria Fumaça.

E xa sabedes o que din, para mostra un botón. Velaí.

 

[Galicia Confidencial, 2-6-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Música e literatura galega, Poesía galega, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.