A propósito das exposicións de Penzol e Del Riego

Hai uns días que tiña pendente unha visita á exposición que a Editorial Galaxia inaugurou para conmemorar o cincuenta aniversario do nacemento da Fundación Penzol: ‘Fermín Penzol. Unha obra para un país’, que pode visitarse dende o pasado 8 de xullo e ata o vindeiro 31 de agosto na Sala 1 do Pazo de Fonseca, en Santiago.

Digo que quería eu achegarme ata alí, pois non fun quen de poder facelo no día da inauguración. E ben que o sentín, porque un vello amigo tíñame dito que era cita á que non podía de xeito ningún faltar. E levaba razón, moita razón. Unha exposición soberbia, definitiva.

@s que vos animedes a acercarvos a esta exposición comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e Henrique Monteagudo e coordinada por Xosé Manuel Soutullo poderedes gozar (e nunca este verbo tivo máis sentido) non só contemplando paneis explicativos e vídeos documentais sobre Penzol —o que, xaora, tería xustificado sobradamente a exposición—, senón que tamén farán as vosas delicias os orixinais de libros e documentos da nosa historia literaria que poucas, moi poucas veces poden verse: pergameos do rei Afonso VII, incunables varios, exemplares auténticos das Festas Minervais de 1697, os cadros cos debuxos do Álbum de auto-caricaturas de Castelao, reproducións dos mapas de Fontán e Ojea, a Xeografía de Molina, o caderno manuscrito coa Égloga de Nicomedes Pastor Díaz, primeiras edicións de De catro a catro, Poemas do si e non, Cómaros verdes, Á lus do candil…, fotografías descoñecidas e pouco divulgadas con protagonistas da nosa literatura, cartas manuscritas de Cabanillas, Risco, Piñeiro… en fin, un auténtico festival de pezas únicas que todo amante da nosa cultura e da nosa literatura non é que non debera perdelo é que non pode perdelo.

A sala de exposicións alberga quince paneis nos que se vai dando conta da singradura biográfica de Penzol, o significado histórico da súa fundación e o legado da súa Biblioteca, que se ven complementados coa reprodución do que foi o despacho de traballo do bibliófilo e algúns outros efectos como un busto seu tallado en madeira ou a súa vella máquina de escribir, entre outros.

Mais se todas estas marabillas non vos deciden aínda a abeirar polo Pazo de Fonseca, lembrareivos que na Sala 2 poderedes visitar unha outra exposición non menos espectacular: ‘Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito. Centenario do nacemento 1913-2013’, esta comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira e tamén coordinada por Xosé Manuel Soutullo coa axuda de Mercedes Rosón. Nela teredes acceso a outros moitos materiais singulares: documentos fundacionais de Galaxia, cartas con diversos autores, o mecanoscrito da referencial Historia de la literatura gallega (asinado, por certo, en 1947, aínda que a obra non vería luz ata 1951), numerosas instantáneas do laurentino con diversa xente de letras e, por suposto, un outro vídeo documental que completa a información dos varios paneis.

@s máis devot@s deben saber que están a disposición do público, gratuitamente, amplos programas de man despregables esencializando o espírito das exposicións e que, amais, Galaxia editou recentemente cadanseu volume a partir das mesmas: Fermín Penzol unha obra para un país e mais Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, magníficos libros-catálogo nos que figura recollida unha parte substantiva do que nos salóns de Fonseca se ofrece.

Neste tempo máis ou menos vacacional (asegún para quen, como diría o mestre Risco), @s de Compostela e @s que non o son teñen nestas exposicións unha proposta perfecta para se achegar á cerna da nosa capital histórica e deixarse engadar por esta regalía visodocumental que Galaxia fai pública para deleite de lector@s e amantes do patrimonio de noso.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Varia e etiquetada , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.