Había unha vez…

A xa moi longa traxectoria autorial de Ramón Caride Ogando —poesía, novela, relato, ensaio, xornalismo— segue a medrar. A última engádega é o conto O castelo do asombro, editado por Tambre  na súa ben coñecida colección Ala Delta, serie azul, isto é, para rapazas e rapaces de oito anos en diante.

Caride Ogando recupera nesta historia o contar dos mellores fistores, o dicir do noso saber de tradición oral, tan afecto el ás narracións nas que, como nesta, enguedellan os sucesos como rabos de cereixa.

Neste sentido, O castelo do asombro —que se acompaña das sempre suxestivas imaxes de Dani Padrón— é nunha lograda compilación de relatos populares que se engastan nunha trama principal que avanza en meandros, desenvolvendo unha tipoloxía de fórmulas, personaxes e solucións narrativas ben coñecidas polos contadores de sempre: xemelgos que se intercambian, seres terroríficos que habitan castelos encantados aos que cómpre vencer, espelidos cegos que a todos enganan, embornais máxicos cal lámpadas marabillosas, príncipes secuestrados que pasan por escravos, labregas de intelixencia sen par que se fan pasar por valentes cabaleiros e anagnórises mil, un festival de arquetipos que faría as delicias de Propp e que funcionou, funciona e funcionará porque enraíza na cerna mesma do noso imaxinario social no que sempre nos vemos recoñecidos.

O oficio, a graza no contar de Caride Ogando fan o resto: unha narración de costura impecable, que tece unha malla de microhistorias que se suceden con ritmo áxil e precisión de mecano imaxinativo.

Ben recomendable este O castelo do asombro, unha fiestra a través da que regresar á maxia dos bos contos de sempre, eses nos que a palabra ‘imposible’ é perfectamente descoñecida.

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.