Roger de Flor e Os Silvestres

No panorama musical galego Roger de Flor é cantante que sempre se distinguiu pola querenza literaria dos seus temas, ese seu coidar as letras das cancións ás que foi dotando dunha persoal pegada onde o valor da palabra tivo decote principal relevo xunto ás coidadas propostas musicais que o caracterizan.

O que escribo faise bo no seu último traballo, Roger de Flor presenta a: Os Silvestres, producido baixo o selo de Inquedanzas Sonoras e no que se recollen unha ducia de temas ben diversos, tanto no musical coma no textual.

Así, Os Silvestres (a saber: Cabe García, O Marques das Vinhas e Serxio Galego) e Roger de Flor propoñen aquí unha aventura musical que non desbota de atrevidas mesturas nas que o country, o rock, o blues ou os ritmos brasileiros amalgaman coa canción máis melódica e intimista, compoñendo un vitral sonoro de harmonías polimorfas que van irisando dunha a outra canción e que fan do disco unha moi agradable caixa de sorpresas.

En diálogo fértil con tales ritmos andan as letras que as acompañan, abalantes entre o anecdótico e narrativo, entre o autorreferencial e o celebratorio, mais sempre desenfadadas e cun evidente pouso de positividade que axuda a nos reconciliar cos mundos evocados.

Calquera deste doce temas de Roger de Flor presenta a: Os Silvestres convencerá pola súa vibrante vitalidade, mais se tivese que significar algún petisco para ir facendo boca non deixaría de recomendar ese reivindicativo á par que moi divertido “Non penso volver ver a televisión” (con memorable letra de R. Arias e do ensaísta e xornalista Nicolás Vidal) e mais “Ilealé”, portugalega melodía do Marques das Vinhas redonda na súa concreción.

Un antídoto perfecto contra a tristura e a indignación que inza por toda parte é este cd que se completa con estupendas fotos de Jorge Meis, Isabel Arias e Eduardo Castro Bal (este último responsable tamén do atractivo deseño gráfico) e as letras de todas as cancións deste festival de ledicias. Para os máis atrevidos que queiran ir facendo prácticas, deixo baixo estas liñas un inmellorable comezo.

          

Esta entrada foi publicada en Música e literatura galega e etiquetada , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.