Frank Soutelo de novo por terras galegas

Nos últimos anos pódese dicir, sen medo a esaxerar, que a novela negra galega alcanzou a maioría de idade. Tanto polo número e calidade dos seus cultivadores coma polos títulos publicados este xénero narrativo demostrou gozar dunha saúde envexable. Sobre todo, e isto é ben importante, porque esta oferta se ve correspondida por unha demanda estimable que é, sen dúbida, das máis notables do noso mercado literario.

Pois ben, un dos autores que con maior fortuna leva vivificado esta modalidade narrativa entre nós é Miguel Anxo Fernández, quen logrou xa un dos requisitos que catapultan á perenne memoria dos lectores unha traxectoria: referenciar un xenuíno detective, Frank Soutelo, que se asocia indisolublemente coa escrita do autor.

Soutelo levaba protagonizado ata o de agora catro novelas (Un nicho para Marilyn, 2002; Luar no inferno, 2006; Tres disparos e dous friames, 2008 e Lume de cobiza, 2011). Pois ben, a todos eles vén sumarse a máis recente aventura do investigador, Bícame, Frank, onde o sabuxo radicado nos USA ten de resolver un intricado caso en terras galegas, os eidos dos seus devanceiros, a onde xa chegara tamén na súa anterior aventura, Lume de cobiza.

Cambados e outras terras da contorna arousá son o escenario das pescudas de Soutelo nunha trama que asegura intriga e entretemento e que conta con todos os ingredientes adoitos nesta fórmula xenérica: crítica social, profusión de descricións gastronómicas, guía turística de lugares e patrimonio…

O distintivo no caso de Fernández é facer do seu detective un erudito da sétima arte e, sobre todo, un devoto lector da nosa literatura, especialmente da poesía do gran Cabanillas, a obra do cal xoga un papel decisivo na resolución deste caso.

A manifesta autorreferencialidade da entrega, onde se alude a personaxes e casos doutras anteriores (velaí como aquí regresa o Sugar Jones de Un nicho para Marilyn ou a Dalia Maxino de Lume de cobiza) contribúe a fortalecer a arquitectura macrotextual da serie, o que resultará un atractivo engadido para os seguidores de Soutelo, peculiar detective para o que o bourbon, as mulleres fermosas e o jazz son tentacións insuperables.

Deixarei para outro día o estenderme nas miñas dúbidas sobre a verosimilitude de certas pasaxes, pois coido que Bícame, Frank é un produto que responde, con ben, ao que pretende: intriga, entretemento e dicción imantadora. E aí, abofé, Miguel Anxo Fernández sempre cumpre.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 1-9-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Frank Soutelo de novo por terras galegas

  1. Anna di:

    Conste que sorprende a confusión entre o 11M e o 15 M nas primeiras páxinas da novela e ese Audi que, milagrosamente, se disfraza de C5 (xa abandoado) polo medio da novela, amén deses pasaxes que, coma vostede di, resultan ás veces difíciles de crer dentro da prosa de novela negra clásica que busca a devandita obra.

Os comentarios están pechados.