Os días asolagados

Estes días pasados acompañoume a lectura dun libro singular, tanto polo moldeado que nel se fai da arxila literaria coma, sobre todo, polo mundo retratado. O título é xa todo el un poema: Remitencias, memorable volume de versos de Xosé Lois García, escritor imprescindible tanto no eido lírico coma no ensaístico dende hai décadas.

O que fai de Remitencias un poemario irrepetible é, xaora, a alta dicción dos seus versos, mais tamén o espazo do canto que convoca; a saber: as parroquias e lugares que o encorado do río Miño mergullou no pasado, territorio máxico que homenaxean as oitenta e seis composicións do libro, acompañadas de fotografías destes eidos tiradas polo propio García a comezos do 2011, cando, por mor de incorporar dúas turbinas novas ao salto de Belesar, os enxeñeiros de Unión Fenosa deixaron que do vello leito do río pai emerxesen os enclaves alagados tanto tempo atrás.

Porto, Castro Candaz, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Viña, Ribó, A Hermida, A Pereira, Padrizán, Reximonde, Santa Marta, Seixón, Figueiroá e Portomarín son as dezasete estacións nas que a musa e a cámara de García se detiveron para facer oír o berro afogado de cada escada, campanario, viñedo, muro, pendello ou capela enmudecidos polas augas, resucitando os seus días asolagados.

O poeta vai, así, percorrendo poboacións que de neno coñeceu en esplendor, supra fluminem, e ten nesa acordanza instantes para a dignificación dos que en tales rueiros foron represaliados, mais tamén para outras memorias máis amables e festivas. Todo un mundo que desapareceu baixo as augas, o latexar dunha vida chea de xeiras que esvaeceron sepultadas pola acción empresarial hidroeléctrica.

Porque se os versos de García alcanzan en non poucas ocasións un tremor épico —asistidos sempre por unha selección léxica de primor culto e luminosa retórica—, as instantáneas que con eles dialogan revelan unha ollada de admirable penetración, decote atenta aos detalles fuxidíos, eses que a primeira vista non retemos e só unha segunda ou terceira contemplación son quen de ben transparentar.

Remitencias —substantivo que evidencia o avagar poetizado— é unha realidade grazas ao esforzo editor da Asociación Cultural Xermolos, inestimablemente axudada nesta ocasión pola Deputación de Lugo, facendo así posible que estes dous centos longos de páxinas da mellor escrita e fotografía vexan luz para deleite dos ollos do espírito e o corpo, un galano de Xosé Lois García que moito engalana a súa máis recente traxectoria, esa que glosa Xesús Alonso Montero, prologuista deste libro que ten agradable saibo regala.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 8-9-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.