Por fociños, por cacheiras

Este verán tróuxonos aos admiradores da banda deseñada galega unha moi feliz noticia: o regreso dos nosos comiqueiros arredor dun novo proxecto colectivo que se concretou na aparición de Oink!, a revista do Xabarín Club.

Dirixida por Marcos Ferreira Sanmamed, este magazine é unha fantástica iniciativa da que é responsable, en non pequena parte, Kiko da Silva, magnífico ilustrador e didacta desta arte que coordina e participa nun equipo no que figuran os máis sobranceiros ilustradores desta hora: Miguelanxo Prado, Miguel Porto, Fernando Iglesias, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, David Pintor, Carlos López, Fran Bueno e Víctor Rivas.

Tras a súa presentación pública a través do número 0 o pasado mes de agosto nas Viñetas desde o Atlántico da Feira do Libro e do Cómic da Coruña, xa está á venda o que é a primeira entrega comercialmente distribuída da revista, un exemplar no que os fieis da nosa bd poderán gozar da volta de referentes emblemáticos dos últimos anos, como o Fiz de Kiko da Silva ou o Tito Longueirón de Pinto & Chinto, xunto a novos personaxes e historias como As Viaxes de Iria de Miguel Robredo, Tulpa e a Bigotuda de Jacobo Fernández ou O Subterrino Verde de Fernando Iglesias, entre outros.

Mais, Oink! non só é unha moi divertida e atractiva revista de bd. O equipo que a dirixe quixo tamén que o público ao que potencialmente —que non en exclusiva— vai dirixida, @s nen@s e moz@s de 6 a 15 anos, puidese aprender o mundo ludicamente, polo que incorporou xa a este primeiro número seccións como “A pasalo bomba!”, “Fedellando”, “Pasatempos”, “Hai alguén aí?”, “Con pegada”, “Andas na onda?”, “Satélite Xabarín” ou “Reportaxe Oink” nas que, a carón de novas de actualidade e historias insólitas do pasado, poden atoparse pasatempos, entrevistas, curiosidades guinness, guías de manualidades, reportaxes sobre as máis diversas temáticas, recomendacións lectoras, musicais e cinematográficas e mesmo a programación televisiva propia.

Moito que ver e que ler dá esta Oink!, que resucita o máis ilusionante espírito doutras empresas grupais dos últimos anos (velaí, poño por caso, a memorable aventura do Golfiño) e que agardamos teña todos os éxitos que se merece, pois nada máis grato ha de haber que poder achegarse cada mes aos quioscos para poder seguir gozando desta marabilla da bd galega á que desexamos longa e farturenta vida.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada e etiquetada , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.