Manuel Veiga, entre o silencio e o ruído

Estes últimos días acompañoume a escrita do periodista e sociólogo Manuel Veiga, autor de inconfundible voz que acaba de publicar Os xornalistas utópicos, aliaxe narrativa que ve luz da man de Xerais.

Os xornalistas utópicos (aquí podes ler as primeiras páxinas) é un acabado exemplo diso que chamamos literatura do eu, isto é, unha narración na que o obxecto e o suxeito da enunciación conflúen de xeito osmótico e máis ou menos especular, segundo os casos. Por tanto, aínda que non pode dicirse, en sentido estrito, que o que Veiga nos ofrece sexan propiamente unhas memorias, tampouco o seu texto pode desvincularse das súas vivencias para ser cabalmente entendido. Digamos, máis ben, que nos atopamos ante unha ficción autorreferenciada ou, se se quer, unha autobiografía ficcionalizada, cóctel discursivo que asenta na mestura do vivido e o imaxinado, peneirado todo polo cendal da memoria deformante ou a caricatura (meta)literaria.

O resultado é este libro no que asistimos ao que foron as andainas de Obdulio Somoza, alter ego do propio Veiga, no Madrid da Transición e logo no Vigo dos anos 80, aínda que por veces o furco temporal se abra para acoller tamén alusións aos primeiros setenta ou, pola outra banda, á moura lembranza do Prestige.

Logo, o vórtice narrativo que Os xornalistas utópicos configura vai alimentándose un pouco de todo: dende minirrelatos ata microensaios sobre cuestións sociopolíticas, dende relatos epocais ata diarística episódica. Iso si, todo trufado con abondosas reflexións metanarrativas, aforística varia, polémicas sociais e aínda consideracións filosóficas de incuestionable fondura.

Sorprende gratamente a vontade polifónica do conxunto, onde xunto a treitos gobernados pola primeira persoa hai relanzos contrapuntísticos case en interviu e outros nos que a terceira persoa fía as partes e serve de argamasa a este edificio narrativo balzaquiano que, á maneira do XXI, tamén pretende narrar a epopea humana dende a metonimia do individual parabiográfico.

Deliberadamente Os xornalistas utópicos dispara en múltiples direccións, así que é van tentar sinalar unha única liña argumental. Abonde con dicir que nestas estas páxinas teñen cabida tanto a crítica literaria como a socioloxía da literatura, igual a definitoria conceptual (o que é que son o amor, o tempo, a morte…) que as tirapuxas Vigo versus A Coruña, mais tamén o recordo do Madrid panfletario de manifas antifranquistas a carón do suburbial da Movida e aínda a complexa, estresante e mesmo agónica vida das redaccións dos xornais.

Os que coñezan o autor e a súa circunstancia gozarán de bola extra: elas e eles saberán descubrir moitos personaxes reais que se esconden tras dos nomes aquí ficcionados, seres que completan o retrato dun tempo polo que tamén desfilan —estes si aludidos sen ambaxes— outros artistas e escritores amigos como, poño por caso, Manuel María.

Nun momento da narración, Somoza-Veiga tenta definir un título da escritora xermana Christa Wolf, Noticias sobre Christa T, e faino empregando unhas palabras que lle acaen inmellorablemente ao seu propio relato; velaí: “fala de todo, biografía, ensaio, novela con golpes poéticos, labores domésticos, sentimentos, depresión por un mesmo e polo que lle sucede ao país, inquedanza, sutileza, avisos de algo, ideas de ensaios só albiscadas”.

Así é tamén Os xornalistas utópicos, literatura por sublimación, éter autorial abaneante entre o nós e o eu, entre o que debe ser recordado (“A literatura é a memoria dos mortos, ocupa ese intersticio entre o que xa non é real e o esquecemento definitivo”) e o que foi sendo o camiño dun (“Todo iso, ese punto de vista sobre a sociedade, talvez sexa a maior creación propia, individual que posúa. A miña ideoloxía, a miña ficción máis grande”). A solitaria proeza do periodista que testemuña un mundo, avolto, cambiante, impredicible, “un lugar diferente, entre o silencio e o ruído”.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-9-2013]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.